Transportistas do Porto de Vigo considéranse vítimas ''dunha campaña de acoso'' a base de multas

As asociacións de transportistas de colectores do porto de Vigo ATC e Apetamcor denuncian unha "campaña de acoso" por parte da Autoridade Portuaria a través de multas "polo mero feito" de parar para recoller documentación ou facer as pausas regulamentarias.

Estas dúas asociacións sinalan nun comunicado que veñen sendo obxecto deste "acoso" desde que se asignaron as prazas de estacionamento no porto.

Abundan en que hai empresas que acumularon ata unha vintena de multas porque os seus camións tiveron que parar para recoller ou entregar documentación nas oficinas dos seus clientes, porque tiveron que facer as pausas regulamentarias ou deixar preparados os vehículos para recoller colectores pola mañá.

Inciden en que o traballo ''estase a facer insostible" e avanzan unha próxima reunión cos diferentes axentes do porto para demandar o seu apoio, sen descartar emprender algún tipo de medida de presión.

ATC e Apetamcor recorreron ante os tribunais o proceso de concesión das prazas de estacionamento de remolques no porto de Vigo ao considerar que non foi transparente, xa que descoñecían o censo que se tomou como referencia así como os requisitos que se tiveron en conta para a súa elaboración.

Comentarios