Tomé baralla máis opcións que A Pinguela para os fogos de río das festas

Ao alcalde de Monforte non lle gusta a localización elixida polo anterior goberno local debido á arboleda e polo pouco espazo para o público
Última edición de los fuegos de río, celebrada en el año 2007
photo_camera Última edición de los fuegos de río, celebrada en el año 2007

A José Tomé Roca, alcalde de Monforte, non lle gusta o escenario elixido polo seu antecesor no cargo para recuperar o lume pirotécnicos no río Cabe con motivo das festas patronais de agosto, que levan xa sete anos sen celebrarse. O rexedor socialista cre que a zona da Pinguela non é a máis adecuada debido a que hai unha importante masa forestal que impediría gozar do espectáculo de luz, pero tamén, dixo, por haber pouco espazo para unha afluencia masiva de público.

O mandatario monfortino, en compañía de responsables da empresa á que se lle contrataron tanto as sesións do día 15 como a do 16 de agosto, percorreu na mañá do mércores boa parte da canle entre o centro urbano e a zona da Pinguela. «Estivemos vendo posibles puntos para tirar vos fogos e habería catro que reúnen as características necesarias».

Tomé engadiu que dentro de «uns días tomaremos unha decisión, todo en función dun informe que ten que facer a empresa contratada», unha firma de Betanzos á que o anterior goberno local, do BNG, adxudicou os espectáculos pirotécnicos do 15 de agosto desde o monte San Vicente e do 16 no río por un montante de 15.000 euros.

Unha vez decidida a localización, explicou o mandatario monfortino, será necesario solicitar os preceptivos permisos á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, á Consellería de Industria e á Subdelegación do Goberno en Lugo.

Os fogos do Cabe suprimíronse hai sete anos debido a unha ameaza de denuncia por levar a cabo sen autorización e realizarse nunha zona urbana, concretamente entre a ponte nova e o Paseo do Dique.

Comentarios