Todos xuntos contra a violencia machista

Vilalba tinguiuse de negro nunha das campañas de sensibilización máis impactantes e outros concellos organizaron charlas ou andainas, entre outros moitos actos

Sería mellor que non existise o 25-N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres que declarou a Asamblea Xeral das Nacións Unidas en 1999, porque xa estivese superado e a igualdade fose unha realidade. Pero queda moito camiño que facer -no que vai de ano dúas mulleres foron asasinadas en Galicia, 46 en España-, polo que concellos, asociacións, institutos e axentes sociais de todo tipo súmanse cada ano á conmemoración desta efeméride.

Nas comarcas de Terra Chá, Meira e As Pontes esta sensibilización está estes días moi presente e, concretamente en Vilalba, fíxose máis visible que nunca. A capital chairega vestiuse de loito coa campaña ‘En Negro, Contra a Violencia’, á que se sumaron este ano 16 concellos galegos.

A través dos escaparates, con manequíns e todo tipo de mensaxes, e a roupa de traballo, ao redor de 300 negocios de Vilalba vestiron estes días de negro -do 18 ao 28- en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista. Tamén se sumaron os centros educativos e espazos municipais coma o auditorio.

«Estamos muy gratamente sorprendidos, la gente se mostró muy interesada», explica Anaberta Pardo, a responsable do CIM vilalbés, en referencia a esa campaña que mostrou durante dez días unha imaxe impactante da vila.

«Si é si, non é non», «Sempre libre e viva», «Son libre de decidir sobre a miña vida», «1 de cada 4 mulleres que sofre violencia machista non denuncia por medo», ou «Máis xogos, menos berros», foron algunhas das moitas mensaxes que se repetiron a cada paso polas rúas das capital chairega, onde a maiores do impacto visual houbo outras propostas, como unha concetración promovida polo Concello e outra da man da Asamblea Feminista en colaboración coas asociacións de mulleres San Bartolomeu de Insua, Agarimo de Santaballa, Amencer de San Lorenzo de Árbol ou a de Viúvas Carmiña Prieto Rouco .

Tamén houbo charlas nos centros educativos -o Lois Peña Novo, a maiores, acolleu unha exposición de libros escritos por mulleres e fixeron un mural para que o logo da campaña contra a violencia sexa permanente-e actividades na Escola Infantil.

OUTROS CONCELLOS. Esa repulsa trasladouse a moitas outras vilas, como Meira, onde se fixo unha concentración, ou a As Pontes, onde se acaba de presentar unha campaña similar á de Vilalba que se desenvolverá durante todo o Nadal e que completa outras propostas, como unha exposición de haikus na biblioteca do IES Moncho Valcarce ou un certame de microrrelatos promovido polo IES Castro da Uz, no que tamén se fixeron chapas.

«A campaña Vive en Igualdade está dirixida ao comercio e a hostalería para concienciar á comunidade e sensibilizar á poboación coa tolerancia cero fronte á violencia de xénero. Non queremos que sexa un día simbólico, é un problema diario que nos implica a todos», explicaron na presentación desta campaña, que encherá de logos e mensaxes sobre a igualdade os escaparates e os negocios.

En Xermade, o día 25 tamén houbo concentración diante do Concello e minuto de silencio por todas as vítimas da violencia de xénero. E o domingo o Concello organizou a quinta Andaina Contra a Violencia de Xénero para visibilizar de forma simbólica a situación das mulleres. Para o día 16 de decembro está prevista unha charla impartida por persoal de Centro de Recuperación Integral de Vítimas da Violencia mMchista no local da asociación Saudade de Momán.

O Concello de Guitiriz tamén quixo conmemorar esta data e organizou unha charla impartida por Alba Campos Miragaya, a psicóloga municipal, na Casa Habanera, onde despois se celebrou a entrega de premios do Concurso de Logos do II Plan de Igualdade, que gañou Patricia Bello.

Na Pastoriza, o Concello apostou polo séptimo arte para concienciar e proxectaron un filme na casa da cultura e no IES Fonmiñá prepararon un lazo xigante con moitas mensaxes e mariposas serigrafadas, en recordo das irmáns Mirabal, asasinadas no ano 1960.

E no centro de día de Abadín os maiores demostraron coas súas actividades que a concienciación non ten idade.

Comentarios