Aínda activos, a pesar de que controlados, os incendios de Caldas de Reis e Vilamarín

A Consellería de Medio Rural e do Mar deu por controlado un incendio forestal que se produciu a última hora de onte na parroquia de Saiar, en Caldas de Reis, Pontevedra, e que, segundo as estimacións provisionais, queimou unhas 40 hectáreas.

Segundo os últimos datos facilitados esta mañá polo departamento autonómico, en Galicia hai activos dous incendios forestais de máis de 20 hectáreas e ambos están controlados, o de Caldas de Reis e o de Vilamarín, Ourense.

Ademais, a Consellería indica que os incendios que afectaron onte a Catoira e Ponteareas, en Pontevedra, e ao Saviñao, en Lugo, quedaron extinguidos.

Nestes incendios, segundo as primeiras estimacións, queimáronse 25, 31 e 31,5 hectáreas, respectivamente.

O incendio de Saiar, en Caldas de Reis, comezou onte sobre as 21 horas e quedou controlado sobre as 6 horas de hoxe.

Na súa extinción traballaron 1 técnico, 4 axentes forestais, 14 brigadas, 13 motobombas, 2 pas e 2 helicópteros.

Ademais, o incendio de Vilamarín, Ourense, que comezou o domingo pola tarde está controlado desde onte ás 15:44 horas e, segundo as primeiras estimacións, a superficie ardida chega ás 200 hectáreas.

A Xunta recorda que está a disposición dos cidadáns o teléfono gratuíto 085 para avisar de incendios forestais.

Comentarios