Timoshenko decide agora que si concorrerá ás eleccións do 25 de maio

A exprimeira ministra ucraína Yulia Timoshenko anunciou hoxe que concorrerá como candidata ás eleccións presidenciais do 25 de maio, e dixo que será capaz de devolver Crimea a Ucraína. "Teño previsto concorrer ao posto de presidenta de Ucraína", sinalou Timoshenko, nunha conferencia de prensa en Kiev.

Tamén anunciou que o vindeiro sábado 29, pedirá no congreso do seu partido Batkivschina (Patria) que se presente a súa candidatura á xefatura do Estado. "Sen esaxerar, se recordan a miña vida política, son quizais a única persoa no meu partido que demostrou como se debe acabar coa corrupción... Teño o dereito moral de dicir que loitarei contra a corrupción", subliñou.

Timoshenko, que pasou máis de dous anos en prisión por abuso de poder e foi excarcerada o pasado febreiro tras o triunfo da revolución que acabou coa destitución do presidente Víktor Yanukóvich, afirmou que ela será "o candidato da unidade". Recordou que provén dunha rexión de Ucraína "que agora non apoia a nosa revolución, onde a lingua ucraína é indiferente para algunhas persoas".

Timoshenko é oriúnda de Diepropetrovsk, unha zona do leste ucraíno rusófono. "Estou segura de que poderei defender a Ucraína da agresión de Rusia e devolver Crimea" ao país, sinalou noutro momento a ex xefa do Goberno. "Considero a Vladímir Putin o inimigo número 1 de Ucraína". engadiu.

Comentarios