'Tiempo de juego' supera a 'Carrusel deportivo'

'Tiempo de juego', da Cadena Cope, situouse como líder da radio deportiva do fin de semana tanto na xornada do sábado como na do domingo por diante do 'Carrusel deportivo' da Cadena SER, segundo os datos da primeira onda do Estudio General de Medios (EGM) de 2017. O programa que dirixe Paco González e que ten como gran animador ao galego Pepe Domingo Castaño dá un 'sorpasso' ao veterano espazo da Ser, líder histórico nesta franxa.

En termos xerais, a cadea do Grupo Prisa perde 61.000 oíntes, pero malia iso segue como líder da radiodifusión española, con 1.382.000 seguidores máis que a cadea dos bispos, que segue crecendo. A Cope logra máximos históricos no programa matinal de Carlos Herrera ( 2.030.000 oíntes) e 'La tarde', á vez que 'El partidazo' se achega a Manu Carreño.

O terceiro posto é para Onda Cero, que cae quizais polos malos datos de Juan Ramón de la Morena en 'El transistor'. Unha audiencia que pode crecer ao empezar agora a emitirse por Radio Marca. O cuarto posto é para Radio Nacional e o quinto para esRadio.

En Galicia cabe resaltar os bos datos da Radio Galega, con 20.000 novos oíntes. É a segunda que máis medra. Radio Galega Música duplica a súa audiencia.

Comentarios