Terror ‘'made in Raxó’' en Canadá

O CÓMIC ► ‘'La llamada de la tierra'’, que publica cada domingo Revista de Diario de Pontevedra, dáse a coñecer na feira C4Winnipeg de Toronto da man do seu debuxante, Steve Scott
Viñetas realizadas por Steve Scott
photo_camera Viñetas realizadas por Steve Scott

Cada domingo publícase no suplemento Revista de Diario de Pontevedra unha nova entrega de ‘'La llamada de la tierra'’, do autor estadounidense Steve Scott con guión do poiense Diego Rosales. As historias ambientadas en Raxó -tal e como se pode ver no debuxo que acompaña esta noticia- e que nutren este proxecto chegaron en outubro a Canadá, en concreto á feira de cómic C4Winnipeg. "A xente mostrou moito interese pola obra. é unha historieta que se sae dos canons ordinarios das americanas e recupera, con humor, os clásicos de terror da editorial EC. De feito, hai varias editoriais europeas e americanas que xa preguntaron polo material", explica Diego Rosales.

'La llamada de la tierra' ’ é unha historia de terror na que o protagonista é o planeta azul. Tras anos de malos tratos, os vellos deuses e seres mitológicos espértanse para vingarse do dano que a especie humana está a facerlle ao medio ambiente. Deste xeito, tratan de recuperar a orde natural anterior á humanidade, que é considerada unha praga para o planeta. "A idea xorde dunha historia anterior, ‘Breogán, o deus esquecido’, que realicei xunto á lenda do cómic español Esteban Maroto", explica Rosales, que ademais é director do colexio San Narciso de Marín.

"Steve Scott é un autor de renome en Estados Unidos que traballou para editoriais como Marvel e DC"


E é que precisamente neste centro foi onde naceu a trama desta historia. "Preocúpame moito atopar novos formatos para ensinar e por iso ocorréuseme que o alumnado aprendese cuestións sobre mitoloxía e, ao mesmo tempo, fomentar a lectura do alumnado desde a historieta", conta Rosales. Así, a mitoloxía galega -e a súa xeografía- converteuse nunha fonte de inspiración á hora de crear contidos divertidos para que os alumnos e alumnas aprendesen sen darse conta. "Enmarcamos as aventuras dos personaxes da tradición celta en relatos de acción. A decisión máis potente foi cando decidimos contratar a profesionais de primeiro nivel internacional como Steve Scott, Alex Saviuk, Pat Broderick ou Esteban Maroto. Supoño que foi coma se un colexio quixese facer un curto de cine, alguén propón que o dirixa Spielberg e conséguelo", explica o director do centro marinense.

Steve Scott e Diego Rosales coñecéronse case de casualidade. O poiense estaba a escribir unha historia para o sueco Alex Saviuk pero, por motivos de axenda, este último tivo que cancelar o proxecto. Con todo, o debuxante presentoulle ao seu colega estadounidense Steve Scott e suxeriulle que sería un bo substituto para que realizasen o traballo xuntos. "Desde o principio o entendemento é total. É moi fácil traballar con alguén que ten tanto talento", afirma Rosales.

Despois de que o seu traballo presentouse en Canadá, Diego Rosales móstrase satisfeito coa repercusión que conseguiu ‘'La llamada de la tierra'’. "É algo moi importante para min, supón que un traballo que se fai en España teña eco internacional", conta. Ao mesmo tempo, o de Poio recoñece o labor do seu compañeiro, Scott, que é "un autor de renome en Estados Unidos que traballou cos mellores escritores americanos e coas editoriais Marvel e DC". Do mesmo xeito, reivindica a súa presenza en Diario de Pontevedra cada domingo, xa que "é un luxo ter autores de primeiro nivel facendo un suplemento de cómic como este".

Comentarios