Tensión e berros de ''corruptos dimisión'' nun acto protagonizado por Currás

Unha protesta de decenas de persoas contra a corrupción xerou hoxe momentos de tensión ao inaugurar o alcalde compostelán, Ángel Currás, un polémico parque infantil na Praza de Galicia de Santiago.

Previamente á inauguración da praza, un grupo de persoas, que portaban pancartas coas lemas "Fóra corruptos do Concello" ou "Disolución do Concello", coreou consignas como "Corruptos dimisión" ou "fóra das rotondas os parques infantís".

Os manifestantes seguiron logo cos seus berros ao alcalde, cando terminou a manifestación e dirixíase cara a unha emisora de radio para facer unha entrevista e posteriormente un grupo seguiu a protesta fronte o Concello.

Currás manifestou que admite a crítica sempre "e o respecto", mentres a portavoz do Goberno local, María Pardo, tamén dixo que entende críticas de pais ou usuarios do parque, pero non as da "progresía reaccionaria".

A oposición no Concello, PSOE e BNG, expresou reiteradamente o seu rexeitamento a este proxecto na Praza de Galicia, unha das máis transitadas da cidade pola que diariamente pasan máis de 20.000 coches e paran 614 autobuses ao día, aínda que Currás insistiu esta mañá que en Santiago "respiramos un bo aire e creo que os nenos van gozar".

Currás defendeu a localización do parque e indicou que historicamente se expuxeron solucións para a praza de Galicia e nunca cristalizaron, e incluso sinalou que durante a xestión do PSOE fíxose un concurso internacional, que finalmente quedou "nun caixón".

O alcalde destacou que o parque infantil conta cun equipamento amplo, custou 150.000 euros e vai servir para o goce dos nenos de Santiago.

Indicou que non percibe contaminación na zona. "Santiago, di a Organización Mundial da Saúde, co aire máis san, limpo de toda España" e indicou que as prazas teñen tráfico ao redor, o que non quere dicir que exista ningunha contaminación

Comentarios