Telelugo emite as noticias diarias a través da páxina web de El Progreso

A xornalista Salomé Pérez (Foto: Telelugo)
photo_camera A xornalista Salomé Pérez (Foto: Telelugo)

Telelugo comezou a difundir os seus informativos diarios, ‘Novas’, a través da páxina web do diario El Progreso (http://elprogreso.galiciae.com/).

Isto permitirá a todos os lectores do xornal digital acceder á cobertura informativa da televisión do Grupo El Progreso, que emite en TDT na demarcación de Lugo e a través do operador R en toda a comunidade galega.

O informativo, que a televisión emite ás 21.30 horas, subirase diariamente ao xornal dixital.

Para iso tense habilitado na portada da web unha canle específica para Telelugo a través do popular portal Youtube, na que, ademais do informativo ‘Novas’, poderanse visualizar outros vídeos, programas e ‘spots’ publicitarios da cadea lucense.

Deste xeito, os usuarios xa poden consultar os informativos emitidos desde o pasado día 4 deste mes.

Novidades

Aproveitando a súa difusión por internet, o informativo estreará un novo grafismo e incorporará a sección de ‘O tempo’, na que se informará sobre a situación meteorolóxica e as predicións do clima na provincia de Lugo.

Estes cambios son os primeiros dunha serie de novidades na programación que se irán incorporando paulatinamente á parrilla.

Entre estas, prevese incluír unha entrevista semanal e un faladoiro de actualidade. Sempre desde un enfoque lucense e o máis local posible.

Ademais, no apartado de ficción, emitiranse series como ‘O Grial de Ancares’ e ‘Saúde, diñeiro e amor’, producidas por Lugopress, que en breve pasarán a formar parte da actual parrilla.

Con estas melloras, o Grupo El Progreso quere reforzar a súa páxina web, á vez que ampliar a oferta que os usuarios deste espazo dixital poden atopar e gozar.

USUARIOS
Máis de 650.000 visitas en xaneiro

A web de El Progreso pechou o pasado xaneiro batendo o seu récord absoluto de visitas, un dato máis que salientable se se ten en conta que o citado mes rexistra, tradicionalmente, unha caída da navegación debido á celebración dos últimos días do Nadal.

1.700.000

Deste xeito, elprogreso.es rexistrou máis de 650.000 visitas e 1.700.000 páxinas vistas, o que supón un avance de máis do 23% en ambos conceptos.

25%

Aínda é algo superior o crecemento que experimenta a edición dixital do diario de Lugo no seu número de usuarios únicos, que aumenta máis dun 25% excedendo os 230.000 cibernautas, segundo os datos dos que dispón Google Analytics.

Comentarios