Teixido replica: Besteiro cometeu un delito electoral en Pígara

A rifa incesante entre a Deputación de Lugo e o Concello de Guitiriz segue acumulando episodios. Este mércores, o alcalde, o popular José María Teixido, denunciou que o presidente da Deputación, o socialista José Ramón Gómez Besteiro, incumpriu a lei electoral ao inaugurar o pasado luns un parque biosaludable no lugar de Pígara.

O PP recordou nun comunicado que "a normativa vixente prohibe de forma taxativa a realización de calquera acto de inauguración de obras, servizos públicos ou proxectos desde a data de convocatoria das eleccións" (as europeas), neste caso desde o "día 1 de abril".

Para os populares, "o acto ilegal adquire especial relevancia, tendo en conta que Besteiro non só é o presidente da Deputación de Lugo, senón tamén o secretario xeral dos socialistas galegos".

A Deputación presentou esa inauguración o luns como un acto para "dar conta da finalización de novas actuacións" nesta parroquia que, como subliñaba o ente provincial no comunicado, está "tradicionalmenbte marxinada pola ausencia de servizos públicos". A ese acto non acudiu o rexedor, sen que ninguén aclarase se foi decisión propia de Teixido ou se non foi invitado. Si participou a responsable de Deseño e Artesanía na Deputación, Regina Polín, anterior alcaldesa de Guitiriz.

Os dous equipos de goberno manteñen un forte enfrontamento desde hai meses, primeiro por unha rúa peonalizada pola Deputación e logo reaberta polo Concello, e ultimamente, por un xeriátrico cuxas obras se atrasan.

RESPOSTA DA DIPUTACIÓN

A Deputación respondeu máis tarde, insistindo en que o acto do luns non foi unha inauguración. "Teixido debería saber como alcalde que esa instalación leva meses en servizo, polo que dificilmente puido ser inaugurada o pasado luns", subliña o goberno provincial. 

Por iso, a Deputación resalta que o seu presidente cumpriu "escrupulosamente coa lei electoral". O acto do luns foi, explica o comunicado do ente provincial, "só un encontro cos veciños", que puideron dotarse do parque biosaludable e infantil grazas a unha "subvención do plan de comunidades veciñais de 2013". 

"Son os veciños os encargados de contratar e executar as obras do Plan de Comunidades Veciñais. é a eles a quen se lles deben recoñecer os logros alcanzados nas actuacións que levan aos seus concellos con financiamento da Deputación", recalca.

Comentarios