Teatro arredor da fronteira


O grupo do IES Vilar Ponte de Viveiro actúa este domingo no Rosal no marco da V Mostra de Teatro do Miño. Fórmano trece alumnos da Eso que, dirixidos pola mestra María Lozano, representarán a obra ‘Aventuras e desventuras no Camiño de Santiago’

 


 

o grupo de teatro do IES Vilar Ponte de Viveiro é unha das seis agrupacións de toda Galicia e norte de Portugal elexidas para participar esta fin de semana na V Mostra de Teatro do Miño, que nesta quinta edición se celebra nos concellos da Guarda, O Rosal e Tomiño desde mañá mesmo ata o domingo. En concreto, a actuación dos mariñanos será ás seis da tarde do domingo no auditorio do Rosal.

A asociación cultural Feixó de Arauxo organiza este mostra de teatro afeccionado, lugar de encontro de todos os amantes desta arte a ambos lados do Miño, á que o grupo viveirense acode coa obra ‘Aventuras e desventuras no Camiño de Santiago’, que interpretan trece rapaces de segundo, terceiro e cuarto da ESO do Vilar Ponte, dirixidos pola profesora María Lozano.

A directora lembra que decidiron presentarse a esta mostra porque levaban moito tempo preparando a obra e a «sorpresa» chegou cando os elexiron. «De todo Galicia e Portugal son só seis obras e, ademais, a maioría son de maiores. Creo que a nosa é a única de nenos que vai de todas as da mostra», comenta.

Como o seu mesmo nome indica, ‘Aventuras e desventuras no Camiño de Santiago’ ten lugar na ruta compostelá e está baseada nunha obra para títeres á que a profesora ampliou o guión e adaptouno ó rexistro teatral. Conta a historia dun conselleiro real que pretende a unha princesa namorada dun trobeiro «ó que mandan a Compostela para que se perda polo camiño e ela sae detrás. Durante o camiño empezan as aventuras con outros personaxes típicos da ruta, como cabaleiros, lobos ou San Francisco de Asís».

Non é a primeira vez que o grupo interpreta esta obra, que presentou en Viveiro e que levou tamén a Ribadeo, onde participou nas xornadas de teatro afeccionado a comezos de setembro e, na mesma vila, representou a obra nos dous institutos este curso. Non contan con rematar aquí, xa que decidiron presentarse ós premios Buero Vallejo de Teatro Joven, para os que agardan ser seleccionados.

Aínda que xa fixeron bastantes representacións e o papel está aprendido, non se descoidan en ensaiar. «Uns días antes da obra hai que repasar porque son moitas cousas. Encima de que nos invitan e nos pagan, non podemos chegar alí e non dar a talla, hai que espabilar», di a directora.

Unha obra coma esta necesita un importante traballo de decorado e vestiario, do que se encarga outra mestra, Miriam González. «Ela elabora a parte artística e fai os bocetos dos personaxes para logo maquillalos, porque eso inflúe moito, que vaian ben maquillados e ben vestidos».

30 anos

O grupo de teatro IES Vilar Ponte de Viveiro funciona desde o ano 1981, cando xa da man de María Lozano estreou a primeira obra. «Xa teño fillos dos que participaron daquela no grupo», comenta.

A profesora fai un balance moi positivo de todo este tempo, pois defende o grupo de teatro como unha iniciativa «moi interesante pedagóxicamente en tódolos sentidos, sobre todo cando seguen os mismos rapaces durante os seis anos de escolarización, desde primeiro da ESO ata bacharelato cando marchan. Incluso algúns teñen participado desde que xa marcharon do centro. Nese sentido é moi gratificante».

Comentarios