Taboada espera abrir o castelo de Pambre en xullo

As obras pendentes arrincarán a próxima semana e o Concello de Palas acaba de contratar a un guía turístico para atender as visitas
Taboada y Castro, en Pambre cuando anunciaron las obras
photo_camera Taboada y Castro, en Pambre cuando anunciaron las obras

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, espera abrir o castelo de Pambre ás visitas a principios de xullo. 

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar as obras pendentes para completar a rehabilitación da fortaleza e, segundo explica o rexedor, a empresa que as executará comezará os traballos a próxima semana. Ademais, Pablo Taboada indica que o goberno local acaba de contratar a un guía turístico que empezará a traballar en breve na oficina municipal de turismo dos Chacotes, pero que será asignado ao castelo de Pambre en canto estea listo para recibir visitas. 

Esa última fase das obras, que sufragará o Goberno galego a través de Turismo de Galicia, conta cun orzamento de 202.000 euros.

Na última fase das obras, con 202.000 euros de investimento, reforzarase a seguridade e instalarase a iluminación exterior

A máxima responsable dese organismo autonómico, Nava Castro, adiantou o pasado mes de febreiro, durante unha visita a Pambre, que esta actuación comprenderá, entre outros traballos, a dotación de iluminación exterior ao monumento e a colocación de varandas e outros elementos de seguridade nos desniveis existentes, para reforzar a seguridade durante as visitas. 

Ademais, estas últimas obras en Pambre incluirán a sinalización dos itinerarios que seguirán os visitantes e tamén a colocación de paneis informativos xunto aos elementos de máis interese da fortaleza. 

MÁS DE DOUS MILLÓNS. Estas obras suporán a culminación dunha profunda rehabilitación que recibiu, en total, un investimento de 2,1 millóns de euros. 

Esa reforma incluíu catas arqueolóxicas nas que se descubriron importantes restos, desde armas castrexas ata unha necrópole, armaduras e moedas. Ademais, restauráronse muros da fortaleza e colocáronse tanto plataformas como pasarelas para facer accesibles distintas zonas do recinto. 

Unha das intervencións máis rechamantes, que non se incluía no proxecto orixinal, foi, precisamente, a habilitación dun acceso ata a torre da homenaxe, que poderá visitarse, o que suporá un novo atractivo para as persoas que se acheguen a descubrir Pambre. 

O alcalde de Palas confía agora en que o monumento, declarado Ben de Interese Cultural, estea listo en xullo para abrir e vaticina un aluvión de visitas. Segundo recalca, varios colectivos xa se puxeron en contacto co goberno local para mostrar o seu interese por ver a fortaleza o próximo mes.

Comentarios