Susana Seivane: ''Síntome querida polos vellos gaiteiros''

Acaba de converterse en nai, pero non por iso deixa de traballar. Colabora en festivais solidarios, continúa a dar concertos e xa prepara un novo traballo para a próxima primavera.

É inevitable preguntarlle pola polémica sobre a gaita galega tradicional en ‘Luar’. ¿Por que é tan importante para vostede defender este instrumento?

Non é que non queira falar, só que o tema está moi manido xa, aínda que agora estea outra vez en auxe polo que pasou no ‘Luar’. O certo é que eu non son a abandeirada desta causa, aínda que agora estea no punto de mira polas miñas declaracións no programa, é algo que atinxe a todos os gaiteiros galegos; remítovos ó comunicado que fixo a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) e o Colectivo de Defensa da Gaita. Eu penso que a gaita é o símbolo musical de Galicia, por iso é tan importante, como a lingua ou a cultura dun pobo, o que nos define, é algo que hai que saber amar e respectar, é a nosa esencia e entre todos temos que coidalo. A importancia de todo isto foi o que quixen transmitir nas miñas declaracións, como levo defendendo sempre.

Pode entenderse esa defensa do instrumento tradicional porque vostede naceu nunha familia gaiteira... ¿É así?

Os gaiteiros galegos non naceron na mesma familia ca min e pensan igual. É unha cuestión de compromiso co noso instrumento, e cando digo ‘noso’ non me refiro ás gaitas Seivane, se non ao instrumento rei de Galicia, que tantos outros artesáns fan, e moi ben. O que está claro é que na miña familia sempre houbo uns principios e un forte respecto cara a nosa cultura. Tampouco deberiamos confundir o que é a evolución dun instrumento, porque a evolución é sempre mudanza, e a gaita tívoa sempre dun xeito natural, non imposto.

Dende pequena medrou neste ambiente pero, ¿foi vostede quen colleu a gaita ou puxéronlla na man?

Non sentín ningunha presión, era algo que saía de dentro de min. Iso lévase no sangue e no meu caso quedou moi demostrado cando, no canto de xogar coas bonecas, collía a gaita do meu pai e rebentábame a soprar unha e outra vez ata que me fixeron unha a medida. Un dos meus xogos preferidos era escoitar música, a que fora, e coller rapidamente a miña gaita e interpretar o que acababa de oír. Tiña moi bo oído musical e isto foi algo que me axudou a comezar a tocar a unha idade tan temperá, con tres ou catro anos. Nunca se dera o caso. Pero está claro que ao nacer nunha familia como a miña tes moitas papeletas para que che guste a música ou te queiras adicar a ela.

Ricardo Portela tamén era un gaiteiro moi coñecido en toda Galicia, e ademais comparten lazos sanguíneos.

En toda Galicia e incluso internacionalmente. Tocaba moi ben, pero ademais era coñecido pola filosofía que tiña de entender e defender a gaita. A el roubáranlle a súa. Fora moi soado, e moitos artesáns regalábanlle punteiros para que os probase. El seguiu tocando pero non a gusto, porque ningún punteiro se lle asemellaba ao timbre do que perdera. Cando coñeceu ao meu avó, este fixolle un e Ricardo volveu tocar contento, como o facía antes. Aquel punteiro tiña o timbre do que lle roubaran pero ademais tiña unha tesitura e modo menor adaptados aos tempos e sempre lle estivo agradecido. O certo é que non temos lazos sanguíneos, pero tiñamos unha admiración mutua que para nós era como se fose da familia. Sempre me chamaba Susaniña e alucinaba cando me escoitaba tocar, abría os ollos moito, como se non o crera. Tiven a sorte de compartir varias veces escenario con el. Cando comecei a dar concertos, con máis ou menos dez anos, poñíame moi nervosa e el diciame : «Susaniña, vaite a modo, non corras, se ves que a cousa está indo mal pois daslle só unha voltiña á peza, pero se ves que vai indo ben, dalle unhas cantas máis».

Tocar a gaita sendo muller non era habitual ata hai un tempo. Porén houbo unha serie de mulleres da súa xeración que romperon con ese tópico. ¿Non lle gustaba a pandeireta?

[Ri]. Claro que me gusta a pandeireta, e tócoa, xunto co piano, o acordeón, percusións galegas, latinas… Gústanme moitos instrumentos, pero a gaita tenme dado unhas satisfaccións que ningún outro instrumento me deu nin mas chegará a dar, por iso o de levala no sangue. Xamais notei ningunha discriminación. Sempre me sentín moi querida e admirada polos vellos gaiteiros, incluso os máis tradicionalistas.

Leva uns anos sen sacar disco, pero continúa nos escenarios e participa en concertos solidarios. ¿O público do folk é fiel?

Moito. Están desexando que saque disco para ir mercalo. Actualmente estamos preparando un disco que vai ser moi especial, e temos o proxecto de sacar un DVD cun concerto que fixemos nas festas de María Pita da Coruña, un espectáculo que se chama ‘Susana Seivane e amigos’ e no que chegamos a estar 18 persoas no escenario. Aí participan Rodrigo Romaní, Anxo Pintos, Antón Davila, Xoel López, a familia Seivane, un trío de metais que eran Xosé Manuel Rodríguez, Xosé Somoza e Pedro Lamas, tamén estiveron Harry Price co seu impresionante violín... Pero tanto isto como o disco no que estamos traballando, e case rematando, retrasouse pola miña maternidade. Moitos anos queremos sacar disco e non podemos pola gran cantidade de concertos que temos.

E no estranxeiro, ¿é fácil atopar seguidores?

A verdade é que nós estamos moi contentos. Onde máis tocamos é fóra do Estado español. En Francia é onde máis concertos temos todos os anos. Teño moitos fans alí, ¡é unha pasada! E tanto alí como noutros países europeos e en América a nosa experiencia é sempre máis que positiva. A nosa música débelles soar exótica, pero o certo é que a admiran e respectan dunha maneira grandiosa. A raíz disto, moita xente que non ten nada que ver con Galicia empeza a tocar a gaita galega, é impresionante. A xente compra unha morea de discos e logo seguen os nosos concertos polas redes sociais. Fóra de aquí non existe o top manta, hai unha verdadeira concienciación de apoiar a música e a cultura.

¿Recorda especialmente algún concerto dos que deu ao longo da súa carreira?

Sería moi difícil dicir un só, porque teño varios na memoria: este do que falei de María Pita, o mesmo espectáculo dous anos antes nas festas da Peregrina de Pontevedra, a primeira vez que pisei Ortigueira, a primeira vez que toquei en EE. UU. -en Chicago diante de 25.000 persoas-, unha actuación cos meus tamén admirados Shooglenifty para a BBC escocesa…

¿Como lle afecta a crise á música que se fai en Galicia en particular?

Temos os mesmos problemas que calquera cidadán, que non hai cartos para nada. Hai que apañarse co que hai, redución de cachés, redución de persoal, formacións máis pequenas... Porque nós, os músicos, amamos a nosa profesión, pero é a nosa profesión, e tamén temos que pagar as nosas hipotecas, recibos... De todas formas, síntome privilexiada, porque seguimos dando moitos concertos, sobre todo no verán.

E en canto a vostede, ¿cales son os seus retos no eido profesional?

Sempre que me fan esta pregunta contesto que non son persoa de retos, vou vivindo a vida día a día, coas oportunidades que van saíndo; nese aspecto non son nada cobizosa. O meu desexo é facer discos que lle gusten á xente porque é algo moi duro esta profesión, pero tamén me fai feliz.

¿Para cando o novo traballo?

Sairá na primavera. É un disco moi especial no que a través da música intento transmitir todo o que unha muller sente dende que sabe que está embarazada ata que ve o seu neno. Alegría, tristura, preocupación, medo, incerteza... en fin, todas as hormonas ‘de repichoca’. O disco vai nesa onda, supoño que axudará moito a moitas embarazadas a relaxarse escoitándoo, a durmir mellor, a estar tranquilas. E cando naza o seu pequeno tamén vale para durmilo, para que estea relaxado, para que se divirta, e si, todo con música de gaita. Os nenos adoran a gaita e aínda que pareza mentira, cunha peza lentiña, minimalista, evocadora… ¡quedan roques!

O PERFIL
A música no sangue

Naceu en Barcelona no ano 1976 e é a herdeira dos Seivane, unha das familias con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia.

Comezou a súa andaina musical ao cumprir tres anos de idade da man do seu pai, Álvaro Seivane, e influenciada por mestres gaiteiros como o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Moxenas.

Conseguiu o respecto e a admiración do mundo da gaita e da música tradicional en Galicia. Un estilo xenuíno que está presente na forma de tocar de Susana, pois ela sabe sintetizar o estilo ‘enxebre’ dos antigos gaiteiros. Mais ela tamén é quen de crear un estilo propio, abrindo este valioso legado a influenzas doutras músicas. Para isto rodéase dun elenco de músicos moi novos que achegan frescura e orixinalidade ao seu espectáculo.

Ten publicados catro traballos dende o 1999 e está previsto que a próxima primavera saía á venda o quinto, unha homenaxe á maternidade.

Susana Seivane

¿Fixo trampa nalgunha ocasión?

Si, nalgún xogo algunha vez, aínda que non me gusta, pero algúnha vez sentinme na obriga.

¿Que é o peor que fixo nun ataque de carraxe?

Berrar e tirarme dos pelos.

¿Levou algo dalgún sitio sen pagar ou marchou dun restaurante sen pedir a conta?

A primeira si, cando era pequena.

¿Que sería capaz de facer por un millón de euros?

Acéptanse ofertas…

Fáiselle a boca auga cando...

Teño fame e vexo a alguén comer.

¿Quen ou que situacións espertan os seus desexos máis ocultos?

Brad Pitt ten espertado uns cantos…

Na mesa, ¿ante que non se pode resistir?

Ante o pan.

¿Podería vivir sen espello ou é das que se van mirando nos escaparates?

Creo que todos nos miramos nos escaparates, eu aproveito para mirar tamén os zapatos. Chámanme a Imelda Marcos galega [ri].

¿Cal é a súa tenda preferida para sentirse culpable?

Dick & Paul, uns galegos que fan uns zapatos para sentirse moi culpable.

Véncea a preguiza cando...

Teño que explicar algo moi obvio.

¿De que se sente máis orgullosa de si mesma?

De Fiz, o meu fillo.

¿Que non perdoaría?

Unha mentira, pois implica outras moitas cousas como a traición, a falta de respecto, de sinceridade, de confianza…

Se puidese ser calquera persoa no mundo, ¿quen sería?

William Wallace.

Arrepíntese de...

Darlle oportunidades a quen non as mereceu.

¿Cal foi a última mentira que contou?

A Fiz, para que non tirara cousas ao chan, díxenlle que a esas cousas lles facía ‘pupa’.

Comentarios