Surf solidario con Nepal

Limosa Surf Escola ofrece o sábado clases gratuítas en apoio a Médicos do Mundo. Os participantes poden achegar a cantidade que desexen para axudar aos damnificados
Fernando Fra y Evaristo Blanco, en la playa de Lieiro
photo_camera Fernando Fra y Evaristo Blanco, en la playa de Lieiro

Limosa Surf Escola intenta achegar o seu gran de area para axudar os afectados polos terremotos en Nepal e para iso prepara para este sábado unha sesión de clases de surf solidarias, coa intención de recadar fondos para Médicos do Mundo. Esta ONG atópase atendendo sobre o terreo aos afectados polos seismos. "Para axudar queremos aproveitar o tirón da escola, que se creou hai dous anos polo interese da xente que nos preguntaba pola rúa se lles podiamos dar algunha clase", explican os impulsores da iniciativa, Evaristo Blanco e Fernando Fra, ambos os profesores de Limosa Surf Escola.

A idea consiste en que calquera que estea interesado en axudar pode participar nestas clases achegando unha cantidade económica, "a que se poida, desde un euro ata o que boamente sexa posible", toda a recadación será ingresada na conta aberta por Médicos do Mundo para axudar a Nepal.

As clases impartiranse co material da escola, neoprenos e táboas, aínda que tamén se contempla a participación de persoas que se acheguen á praia co seu propio material e así solidarizarse coa iniciativa.

Este curso terá lugar no areal de Limosa de San Cibrao, máis coñecido como praia de Lieiro, e dará comezo ás cinco da tarde do sábado, prolongándose ata pasadas as sete, aproveitando a marea baixa. No caso de que as condicións do mar sexan demasiado duras ou as ondas moi grandes, as clases trasladaranse ata a praia do Torno, tamén en San Cibrao.

"Poden acudir persoas de calquera idade e nivel de surf, os principiantes terán unha sesión de iniciación e os que veñan co seu propio material poderán gozar de clases de perfeccionamento", explican.

Para anotarse hai a posibilidade de mandar unha mensaxe ao correo [email protected] ou tamén entrar no facebook da escola, deste xeito poderase coñecer de antemán as necesidades en canto a profesores e material, "pero tamén se pode chegar á praia o sábado e apuntarse".

Comentarios