Poxado por case 40.000 euros o Mercedes do monarca emérito

O vehículo foi adxudicado a un madrileño ► O monarca emérito utilizábao nos anos 70 nos actos oficiais

O portal de poxas online Catawiki poxou por 39.500 euros o Mercedes-Benz 450 SEL blindado que utilizaba o Rei Juan Carlos I e a Familia Real nos actos oficiais a finais dos anos 70, durante os primeiros anos da Monarquía en España.

O vehículo foi adxudicado a un madrileño e a súa autenticidade está certificada pola propia Casa Real, que nos anos 70 comprou un grupo de Mercedes iguais dos cales tan só se coñece a existencia do que agora foi poxado.  "En moi poucas ocasións tense a oportunidade de acceder ou comprar obxectos e pertenzas dunha Familia Real. Esa situación de excepcionalidade fixo que a poxa deste coche esperte moitísimo interese", comentou Alejandro Sánchez, director xeral de Catawiki en España e Portugal, en declaracións recollidas por Europa Press.

UNHA AUTÉNTICA XOIA. Este Mercedes-Benz 450 SEL de 39 anos de idade é de cor azul e mide cinco metros de longo, ademais de estar completamente blindado, posto que a finais dos anos 70 a súa misión foi a de protexer aos Reis. Esa blindaxe fai que este vehículo pese 2.230 quilogramos.

A pesar dos anos que pasaron, o vehículo está en perfecto estado e é totalmente funcional. Tamén conserva moitos dos seus detalles orixinais, como o teito corredero sobre as prazas traseiras a través do cal se asomaban os monarcas para saudar á poboación, así como a sirena acústica, as bandeiras e os portabandera.

Do mesmo xeito, o coche foi recentemente matriculado como Vehículo Histórico de España, xa que durante os seus primeiros anos de circulación levaba placas co símbolo da coroa en lugar dunha matrícula.

Comentarios