'Stop Desafiuzamentos' protestará mañá para que permitan a unha enferma da Coruña quedar na súa vivenda

O colectivo Stop Desafiuzamentos convocou unha concentración mañá a partir das 09:00 horas para evitar o desafiuzamento dunha muller enferma e con tres fillos que non pode pagar o aluguer da súa vivenda no barrio do Castrillón, na Coruña.

Elisabeth Salnés, nai de tres fillos de 11, 4 e 3 anos, será desafiuzada mañá pola falta de pagamento desde o pasado mes de novembro do aluguer da súa vivenda situada na rúa Antonio Noche.

A muller, sen emprego desde hai varios anos, conta co único ingreso de 200 euros do subsidio de desemprego.

A execución do desafiuzamento está prevista para mañá ás 10:30 horas polo que o colectivo Stop Desafiuzamentos convocou unha concentración nas inmediacións da vivenda a partir das 09:00 horas.

Desde esta mesma noite, algúns membros do colectivo manterán un retén de vixilancia no portal da muller ante a previsión de que a Policía poida acordoar a zona e establecer un perímetro de seguridade.

Comentarios