''Somos os gaiteiros de Seivane''

Funeral de Xosé Seivane (Foto: Cristina Pérez)
photo_camera Funeral de Xosé Seivane (Foto: Cristina Pérez)

«Quero gravar estes versos/un poema ben sentido/ai nun vello pau de buxo/ai gaiteiros meus amigos». Son os primeiros versos da elexía que Manolo Pipas lle quixo dedicar ó mestre Xosé Seivane e que recitou o pé do seu busto, no Chao do Pousadoiro, e ó comezo da misa funeral, na igrexa de San Xurxo de Piquín. Unha pequena mostra do sentir xeral da multitude que acudiu a Ribeira de Piquín para darlle o derradeiro adeus a un xenio «que vivirá para sempre».

«Os punteiros tocan triste/triste tocan Do brillante/ai tocan en Re sostido/ai polo mestre Seivane» continúa a elexía de Manolo, que asumiron como propia o resto dos presentes: «Somos os gaiteiros de Seivane», promulgaron os músicos, aqueles que se ven coma «os seus fans e os seus fillos», formando un círculo máxico de instrumentos , co que quixeron despedir ó vello druída, «tocando as pezas que el nos ensinou».

E no Chao soaron o ‘Valse de Taramundi’ ou ‘Son da sega’, e tamén a ‘Muiñeira do Chao’, aquela composición que Xosé Seivane lle dedicou ó lugar que veu nacer a súa lenda e que acubillou o seu obradoiro varias décadas. Tamén se oiron as gaitas no interior da igrexa, con pezas solemnes coma a ‘Marcha do Antigo Reino de Galicia’, e no momento máis duro da tarde, na constatación do adeus coa introdución do féretro no nicho, unha dolorosa despedida física ambientada pola ‘Marcha de San Benito’.

«Ollo ao mestre nunha foto/eses ollos eses dedos/ese sombreiro esa gaita/ai que mozo está este vello», continúan os sentidos versos do poema, recordando o espírito dun home autodidacta «sinxelo e humilde», empurrado ata o final polo seu «talento e xenerosidade», unhas características que lembrou unha e outra vez o crego Alfonso Blanco, encargado na tarde de onte de oficiar o funeral.

«Convócanos a súa morte, pero o importante é a vida que el viviu», apuntou o coordinador da asociación de Xermolos dende a súa faceta de cura, para logo lembrar unhas palabras pronunciadas por Seivane en Pardiñas, onde foi pregoeiro hai casi dúas décadas: «Mentres mo permita o de arriba, eu seguirei loitanto ata o derradeiro salouco por esta emoción, esta música e esta cultura que levo dentro». «E abofé que cumpriu», sentenciou Alfonso.

«Foi un profesional que transmitiu toda a nosa cultura, coa súa obra Xosé transmitía todo aquelo no que cría», continuou, precisando que o legado de Seivane se perpetuará a través dos seus intrumentos, espallados por todo o mundo, a través da súa actitude exemplar e a través da súa familia, á que conseguiu transmitirlle a súa paixón e compromiso.

O recordo de Xosé Seivane, falecido ós 90 anos, permanecerá ata naquilo que pouco ou nada ten que ver coa música, coma nese candelabro de madeira da igrexa de San Xurxo, feito «cando eramos nenos», segundo recordaron os seus fillos, e cuxa vela alumeou a celebración do funeral.

«Río Mero río Eo/río Miño, Fonmiñá/ai tocando a muiñeira/por Seivane un alalá», cantan os versos, evocando as terras que viron nacer e medrar ó neno Seivane, A Pastoriza e Ribeira de Piquín, onde a familia quixo despedilo, agradecéndolle a todos os presentes as mostras de apoio e de cariño recibidas. «Sei que se foi tranquilo», dixo a súa neta Saínza, porque o avó puido comprobar que a súa herdanza xermola nunha nova xeración, ó ter tempo de ver gozar ó son da gaita ó pequeno Brais, o fillo de Saínza, o bisneto de Xosé.

«Estas gaitas tocan triste/triste tocan Do brillante/ai tocan en Re sentido/ai polo mestre Seivane», conclúe a elexía do Pipas. E e que, como moi ben dixo un dos moitos fieis que acompañaron ó mestre gaitieiro na súa derradeira actuación: «Ben o merece o Seivane».

Saínza, unha das netas de Seivane, agradeceu no nome da familia todas as mostras de apoio e de cariño recibidas nestes días

Despedida

Músicos e artesáns de toda Galicia

Ducias de músicos e artesáns chegados de toda Galicia, entre eles grandes nomes da música tradicional -como Carlos Núñez ou Anxo Pintos-, acudiron á Ribeira de Piquín armados cos seus instrumentos, citados polo boca-orella e unha convocatoria difundida nas redes sociais, para tributarlle un merecido adeus ó mestre Seivane, membro de honra dunha familia de homes e de mulleres «que queren que os sinais do seu pobo se manteñan vivos». No enterro non faltou a representación institucional, cos rexedores de Ribeira de Piquín, Sabino Díaz, e da Pastoriza, Primitivo Iglesias.

Simboloxía Coa gaita cara á eternidade

Ó longo dos actos fúnebres, unha bandeira galega, un ramo de flores e a súa inseparable gaita repousaron sobre o cadaleito do mestre Seivane. Estes tres obxectos tamén se introduciron ó seu carón, no interior do nicho, para acompañalo na eternidade, onde vai «alegrar ós do outro barrio».

Comentarios