Solidariedade con selo ecolóxico

Estudantes do ciclo de Sistemas Microinformáticos e Redes do IES Illa de Sarón de Xove recibiron un premio de RetoAlcoa polo seu proxecto para a creación da empresa Plásticos Solidarios, que combina a reciclaxe deses materiais existentes na contorna, co coidado do medio ambiente, pero ademais xera riqueza e emprego, ao dar traballo a persoas con discapacidade, quen á súa vez participarían na fabricación de bolígrafos a partir deses elementos.

O grupo de alumnos, baixo o nome de Quelpezz, destaca que a iniciativa xorde pola «súa vocación emprendedora, respectuosa co medio ambiente e de solidariedade coas persoas máis desfavorecidas». A empresa, que se dirixe a concellos, deputacións e comunidades autónomas, tería como obxectivo recoller o plástico que ensucia a contorna e polo que ditas administracións pagan, segundo o peso, un prezo acordado.

Os traballadores transportan o material á planta, na que traballan 50 persoas, das que o 40% teñen discapacidade. O plástico úsase para fabricar bolígrafos totalmente reciclables. Da produción total, o 30% envíase a países en vías de desenvolvemento para axudar á educación dos nenos de xeito gratuíto.

A fábrica produce sen stock, é dicir, segundo os pedidos que recibe a través do software instalado na planta e tamén no local dos compradores. Así, coñecen en tempo real a demanda. O proxecto pretende contribuír á inserción laboral de persoas discapacitadas. Os mozos cren que é viable e incluso expoñen a súa expansión a outros países.

Plantación

Doutra banda, traballadores voluntarios de Alcoa San Cibrao, xunto con profesores, alumnos e os estudantes franceses que participan no intercambio lingüístico co instituto xovense, farán hoxe, a partir das 16.00 horas, unha plantación de árbores autóctonas, pola que a Fundación Alcoa doará ao centro 3.000 dólares. O Concello colabora na iniciativa con materiais e persoal de xardinería, que plantará flores preto das árbores.

Os mozos participantes colocarán no horto escolar 19 árbores, entre os que se atopan camelios, carballos, castaños, nogueiras ou limoneros, así como arbustos decorativos autóctonos. Xunto a cada un situarán un cartel que o identificará e o nome do alumno que o apadriña.

comentarios