Sete vogais do CGPJ piden a Lesmes que o pleno decida sobre o xuíz Ruz

Sete vogais do Consejo General del Poder Judicial remitiron hoxe un escrito dirixido ao seu presidente, Carlos Lesmes, pedindo que, en contra do previsto por el, non sexa a Comisión Permanente, senón o pleno deste órgano, o que decida se se aparta ou non ao xuíz Pablo Ruz da Audiencia Nacional.

A Comisión Permanente, cuxa axenda depende de Lesmes, ten previsto sacar a concurso o próximo día 9 varias prazas xudiciais, entre elas a do xuíz Pablo Ruz, instrutor dos casos Gürtel e Bárcenas, o que podería apartalo do seu xulgado. A Comisión baralla, en todo caso, concederlle un prazo para que siga na Audiencia Nacional varios meses máis.

Os sete vogais asinantes do escrito, que piden que o asunto vaia ao pleno, son o vogal proposto polo PNV Enrique Lucas, as propostas polo PSOE Roser Bach, Clara Martínez de Careaga, Pilar Sepúlveda, María Victoria Cinto, Rafael Mozo, Pilar Sepúlveda e a proposta por EU Concepción Saéz.

A Lei Orgánica do Poder Xudicial prevé que os nomeamentos que impliquen discrecionalidade corresponden ao pleno, argumentan no seu escrito estes vogais.

Explican que a designación de maxistrados en comisións de servizo non se debe resolver de forma automática, senón que hai que resolver diversas circunstancias como "a idoneidade do maxistrado que deba atender a necesidade á que responda a cobertura do destino en réxime de comisión de servizos".

Argumentan que o artigo 599 da Lei Orgánica do Poder Xudicial establece que corresponde ao pleno da institución a decisión de todos "os nomeamentos ou propostas de nomeamento" que "impliquen algunha marxe de discrecionalidade".

A praza que incumbe a Ruz é "unha decisión de evidente interese xeral" que conta, ademais, "con ampla repercusión nos medios de comunicación e nos ámbitos xurídicos", polo que estas son "poderosas razóns" que aconsellan levar a decisión ao pleno do CGPJ.

"Non en balde -engade o escrito- está directamente vinculada á imaxe da Xustiza e á confianza dos cidadáns nela, polo que debemos asegurar que será adoptada coas máximas garantías".

Comentarios