''Señorío para quen o recibe, e servidume para quen o dá''

Camiño da feira (Ilustración: VINICIUS)
Camiño da feira (Ilustración: VINICIUS)

Para dar de comer a un capón pásase máis tempo que unha nai cun pícaro mal comedor. Labor arriscado, pois se non se fai con maña pódese afogar coa bicada. Contan que unha señora desta vila, de coñecida familia, criaba dous capóns para Nadal. A un deles non lle baixaba a bicada. A señora ao verse no apuro, saíu á fiestra berrando por unha veciña chamada María da Caballera, voluminosa de corpo, servicial de espírito, muller de moitos saberes e boas mañas. Ao ver o caso colleu o capón polas patas, arrimoulle a boca ao cu e comezou a soprar coma se quixese inflar o polo. Resultado: a bica saíu pola boca. Moralexa: as cousas segundo saen, entran.

Adolfo de Abel Vilela / Vilalba

Os días mellores, os máis exultantes e ledos, eran aqueles en que había algunha festa, por exemplo, o santo de meu pai, que era tamén o meu, ou o da miña nai, que por non haber Santa Mélida celebrábase o día de Santa María Madalena, que era o do seu segundo nome, e sobre todo, os días do Entroido e do Nadal. ¡Ai aquelas filloas, que alí lles chamabamos freixós, aqueles pastelóns de pito, aquela sopa de navallas, aqueles bertóns, aquela zorza, aqueles biscoitos albardados, cociña de vellos fidalgos! Na miña casa comíase ben pero aínda se comía mellor na da miña avoa porque dúas das súas fillas, Asunción e Matilde, eran dúas cociñeiras estupendas.

Luis Tobío / Viveiro

O capón de Vilalba pertence, por dereito propio, á mellor tradición culinaria europea, aprezadora das excelencias de ave tan singular, de crianza artesanal e antigamente regulamentada. Pero o capón é aínda máis que todo isto. É tamén un signo de prestixio, de distinción social. Ten servido e serve aínda hoxe para facer agasallos e pagar favores. Un parente de meu a quen don Pedro Maseda, célebre avogado lugués, librara dunha multa, pagoulle o favor levándolle un bo par de capós a Lugo, a pé desde Cazás, e cunha nevada de medio metro...

Ramón Villares / Vilalba

Prestixio do capón que tamén foi, noutro tempo, sinal de señorío para quen o recibía, e de servidume para quen o daba. Non hai foro, na Idade Media, que non poña en condición de que, en sinal de recoñecemento de señorío e vasalaxe, se han de pagar un par ou máis de capóns. Nestas terras vilalbesas, os capóns que se pagaban eran moitos. Un tal Cibreiro, de San Xoán de Alba, pagáballe á Casa de Meire (Belesar) seis pares cada ano; e os irmáns Cuba de San Simón, tiñan que darlle á Casa de Bodán, oito pares cada un, cada ano...

Ramón Villares / Vilalba

Por Lugo y por Ourense se ofrece como glotón plato de Navidad: la vejiga de cerdo rellena de pan, sangre, nueces, higos pasos y pasas. Todo ello, muy azucarado, se corta en grandes rebanadas y se le da una vuelta en la sartén.

José María Castroviejo / Lugo

A casa onde nacín era unha propiedade boa; pero o papá tiña que pagar dezanove fanegas de renda, un cocho cebado e dous capóns aos señores de Sáa, ao de Castro de Neira e a outros que non se me acordan. Cando se redimiron aquelas rendas andaría eu polos sete anos. O meu irmán era un lacazán perdido. Aos once, amasei por primeira vez o pan e xa me puxeron a facer o taballo todo. Non había quen lle axudara a meu papá e por iso ían mal as cousas.

Elvira López / O Páramo

Antes de iniciar a ceba da ave, procédese á súa castración, operación moi sinxela que consiste en practicar unha incisión debaixo dunha á (en realidade, non se trata dunha castración clásica, xa que non lle extirpan os testículos), case sempre a dereita, entre o par de costelas finais. Hai algúns puntos da provincia de Lugo onde ceban a ave antes de castrala previamente. Tamén hai aldeas nas que non só se ceban galos castrados, senón tamén galiñas, como di Cunqueiro que «fan en Brasse e na Baiona de Francia». A castración e a ceba provocan un proceso nas aves que se pon de relevo principalmente en que, como escribiu Álvaro Cunqueiro, «as cristas póñense abrancazadas, perden o canto, rechouchían en vez de cantar, e non sei se saben ou non que lles toca a morte pronto, pero o caso é que decaen e se entristecen, coma aquel príncipe do poema de Baudelaire, Spleen, a quen as damas da corte, por máis que o escoiten non saben tirar da súa boca un sorriso e se entón lle levásemos aos capóns unha galiña cacarexando e con andar louzán, nin a mirarían».

Xavier Costa Clavel / Vilalba

Asocio mis vacaciones de niña a Andalucía, mientras que el resto de días de fiesta están relacionados con las tierras de Lugo. Concretamente con San Juan del Campo, donde viven mis tíos maternos. ¡Caray!, todavía se me hace la boca agua cuando recuerdo los pucheros de mi tía Concha. Tenía una cocina antiquísima que se alimentaba con madera, lo que daba a los guisos un sabor único.

Silvia Jato / Lugo

Eu vou todos os anos de Deus a Vilalba, onde está a torre dos príncipes de Andrade, o 19 de decembro á feira dos capóns. Desde hai moitos anos, a feira celébrase na praza de Santa María, Santa María de Montenegro, onde está a igrexa. Tocáronme mañás de xeada -a feira faise desde moi cedo-, nas que pouco a pouco, ás apalpadelas, ía saíndo o sol, e mañás de neve, ou de chuvia con vendaval, que son tan tibias. Na feira hai amigos comprando e tamén teño amigos entre os vendedores, como Angelito de Noche ou uns parentes meus de Xermade, que son coñecidos polos de Parada.

Álvaro Cunqueiro / Vilalba

Trato como podo, ás veces axudado por expertos e grandes regateadores -coma o vello Chao, que en gloria estea-, e compro os pares que necesito, que teño foros que pagar a amigos de Barcelona, de Madrid, de Pamplona, de Vigo... Cada vez é máis difícil o regateo, que hai tratantes que compran ducias de pares para mandar fóra do reino, de grandes cidades. En Vilalba, xa teñen feitas caixas nas que cabe ben acomodado un par, cruzado de pernas. E o Concello de Vilalba ponlle a cada caixa unha etiqueta de mérito, coa torre dos condes de Vilalba nela, e que é a garantía de que o que vai alí dentro é capón e non galiña -o que se sabe, entroutras cousas, pola espora-, é cebado ao modo de Vilalba e da Terra Chá, e que non é polo de granxa, engordado ou artificial.

Álvaro Cunqueiro / Vilalba

A primeira feira do capón da que fun consciente foi unha sorpresa. Non sei cando foi (tería eu catro anos), pero sei como: indo cara á escola de Dona Amelia. O ir a esta escola debíase, dunha banda, á maior confianza que daquela había no ensino privado, pero tamén a que ao quedar na parte superior da Praza, desde a Porta de Cima non tiña que cruzar ningunha estrada. Daquela o tráfico por este traxecto non existía. O percorrido era apenas un salouco, pouco máis de catrocentos metros libres, nos que marcaba récords a diario, agás cando atopaba obstáculos no camiño. Un deses obstáculos foi a primeira feira do capón. Ringleiras de cestas situadas ao longo da praza, cheas de animais marelos sobre fondo branco, e centos de persoas arredor coma nun culto milenario na honra dun pequeno deus de formas extrañamente familiares. Era como chegar de súpeto a un país descoñecido, onde contemplas estrañas cerimonias nas que non dubidas en participar, coma se niso che fose a vida. Nunca vira un capón, nin vivo nin morto.

Xulio Xiz / Vilalba

Antoloxía da Memoria de Lugo:El Progreso: luns, mércores e sábados.TeleLugo: martes, ás 22,00 horas. Reemisión diaria. Dirección: José de Cora. Imaxe: Memé Díaz. Ilustracións: Vinicius.

Comentarios