Sen Liga

AÍNDA NON comezou a Liga de fútbol desta tempada. Nin onte nin antonte se celebraron os partidos previstos para eses días e mesmo hai quen anda dicindo que igual tampouco non se xoga para a semana que vén. Soamente un acordo entre futbolistas e patronal pode librar ao país de tamaño desastre e evitar que unha chea de milleiros de homes e mulleres –moitos máis homes ca mulleres, desde logo- deambulen desorientados nas tardes dos sábados e dos domingos por lugares pouco usuais, ollando de lonxe a silueta do estadio baleiro e silencioso e facendo por termar da bágoa que loita por emerxer toldando a imaxe tantas veces contemplada coa leda compaña dos demais seareiros do equipo das súas preferencias ou botándolle unha desconsolada mirada ao televisor HD do bar das xuntanzas no que agora emiten un antigo documental sobre a fauna de Nova Guinea. Certo que se pode aproveitar o momento para dar un repaso cheo de adxectivos pouco amables ao inxusto das remuneracións percibidas por futbolistas e adestradores, da pouco eficaz e nada transparente xestión de determinados directivos, da demostrada tendencia arbitral a beneficiar sempre ao outro equipo ou mesmo da moderna táctica de lle andar metendo o dedo no ollo ao adversario...

Pero non é igual... Se ben se mira, o único que hai de verdade niso de que cando estamos de vacacións ou temos algún tempo de vagar poderemos facer o que nos veña en gana e nos pete en cada momento é a posibilidade de encher a boca ao dicilo. A realidade demóstranos que mesmo para o que consideramos o noso lecer existe tamén algo semellante a unha programación xa establecida, cos seus horarios e todo, para que no que tan frivolamente chamamos tempo libre non se perda a rutina adquirida dos bos hábitos de produtividade que tan agradables nos poden facer a ollos da señora Merkel, e esta folga veu romper esa mecánica sen apenas deixarnos ocasión de reaccionar e así podería suceder que houbese quen saíse pasear coa familia, quen decidise amañar a tapa do inodoro que leva tres meses estragada, rematar a lectura do libro de poemas que lle regalaran polo Nadal ou mesmo escribir esa carta ao director do xornal queixándose do lamentable estado das beirarrúas e que leva máis de dez días empezada...

E hoxe sen crónicas xornalísticas, sen discusións acaloradas, sen pontificais sentencias dos que  máis entenden —que, ao final, somos todos— e sen árbitros aos que lle botar a culpa... Pois xa me dirás...

Comentarios