Seis concellos da Mariña porán en marcha un programa de emprego

Avanza busca a inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, entre outros colectivos
Terraza de un establecimiento de hostelería, en Viveiro
photo_camera Terraza de un establecimiento de hostelería, en Viveiro

Seis concellos —Barreiros, Mondoñedo, A Pontenova, Riotorto, Burela e O Vicedo— porán en marcha este mesmo ano o programa de emprego Avanza, que está dotado con 112.000 euros financiados pola Xunta e os concellos participantes. Trátase dun programa específico no que participarán 60 persoas en total e que vai destinado a certos colectivos.

Así, as prazas dispoñibles son catro para persoas desempregadas con discapacidade, cinco para persoas en risco de exclusión social incluídas as que son perceptoras da Risga; outras tres para mulleres que acrediten ser vítimas de violencia de xénero; 22 para menores de 30 anos con baixa cualificación; catorce para menores de 30 anos e doce para mulleres. Formaranse en axuda en fogar, hostalería ou xardinería.


A Mancomunidade desenvolverá un plan para mellorar os servizos de restauración e hostalería na comarca


Neste sentido, o alcalde de Burela e presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, explicou este luns que nas bases da subvención se específica que "hai que facer unha inserción de 21 persoas para darlles unha oportunidade laboral". Está previsto que o programa se poña en marcha en setembro e dure ata finais de agosto do ano que vén e os alumnos serán seleccionados nas oficinas comarcais do Inem.

"Mañá —por este martes— imos falar os seis representantes dos concellos para organizalo todo", explicou Llano, que espera que o próximo ano poidan sumarse a este programa o resto de municipios mariñáns. "Considéroo importante, porque tratariamos da inserción laboral dunhas persoas que se encontran con dificultades á hora de atopar un emprego", engadiu.

TURISMO. A reunión para abordar este tema non é a única prevista para este martes polo presidente da Mancomunidade, posto que tamén haberá un encontro da comisión de seguimento do programa de turismo para abordar os proxectos pendentes.

Un dos temas que se tratarán coa técnica de turismo do ente comarcal é o convenio que está previsto asinar entre a Mancomunidade, a Consellería de Educación e a Federación de Comercio da Mariña co fin de mellorar os servizos de restauración e hostalería na comarca. "Faranse cursos, xornadas ou simposios, entre outras actividades", explicou Llano, que indicou que a idea de desenvolver este programa partiu da Mancomunidade e do IES de Foz.

Neste encontro tamén se abordarán outros proxectos pendentes para potenciar a zona como as rutas de artesanía, o mes da maxia ou a promoción do Camiño Norte.

Comentarios