Intensifícase o independentismo e os partidarios dun Estado sen autonomías

A porcentaxe da poboación que prefire un Estado sen autonomías subiu do 19,2 por cento de xuño ao 20,7 de xullo, segundo o último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), que indica tamén que aumentan os partidarios da independencia (9,8 fronte ao 8,4 de xuño).

Ademais, incrementouse a porcentaxe de cidadáns que quere un Estado como existe na actualidade, con comunidades autónomas, do 35,3 por cento de xuño ao 34,5 de xullo.

Os partidarios dunha maior autonomía das comunidades sitúanse no 15,1 por cento, máis de tres puntos por encima dos resultados de xuño (12 por cento).

Con todo, un 10,6 por cento dos preguntados quere que as comunidades teñan menor autonomía (10,1 en xuño).

Así mesmo, a última sondaxe do CIS sinala que máis da metade dos enquisados, o 52,2 por cento -oito décimas máis que en xuño-, séntese tan español como da súa comunidade, fronte ao 16,9 que se sente unicamente español e o 5,9 que se sente máis español que da súa comunidade (6,2 en xuño).

En cambio, o 6,8 por cento séntese unicamente da súa comunidade, un dato oito décimas maior que o rexistrado o mes de xuño.

Comentarios