Elévanse a 36 as vítimas mortais pola erupción do volcán xaponés Ontake

O número de mortos pola erupción do volcán Ontake (centro de Xapón) ascendeu hoxe a 36, despois de que os equipos de rescate localizasen cinco novos corpos preto da cima do monte, que se suman aos 31 atopados na véspera, informaron as autoridades nipoas.

No entanto, só se confirmou oficialmente de momento a morte de dez persoas, xa que a lexislación xaponesa non permite ao persoal dos equipos de urxencia certificar o falecemento, algo que só pode facer un médico.

Deste xeito, os servizos sanitarios aínda esperan aos pés do volcán a chegada da maioría de corpos, os cales están a baixar aos poucos os operativos de rescate.

A isto hai que engadir o que as operacións de socorro, nas que participaron hoxe uns 550 efectivos da policía, bombeiros e Forzas de Auto Defensa (Exército) tivéronse que cancelar novamente a media tarde debido á excesiva propagación de gas tóxico por culpa das continuadas erupciones do volcán.

"Hai unha capa duns 50 centímetros de cinza na zona da cima do monte que fai difícil camiñar e impídenos movernos. Cando fai vento, levántase a cinza e non podemos ver nada", explicou o xefe do corpo de rescate das Forzas de Auto Defensa á cadea pública NHK. "Ademais", engadiu, "os membros do equipo teñen que levar chaleco antibalas xa que seguen chovendo pedras pequenas, algunhas de ata 1 centímetro de diámetro, o que complica aínda máis a situación".

O número de feridos de diversa consideración que provocou a erupción mantense polo momento en 63, segundo informaron as autoridades nipoas.

O Ontake, o segundo volcán máis alto de Xapón con 3.067 metros de altura e situado a uns 100 quilómetros da cidade de Nagoya, comezou a expulsar fume, rocas e cinzas na madrugada do sábado e desde entón continuou emanando residuos.

Centenares de persoas atopábanse practicando sendeirismo na zona no momento da erupción e a maioría puido abandonala polo seu propio pé ou foi evacuada, os últimos na mañá do domingo coa axuda de helicópteros militares.

Pola súa banda, o portavoz do Goberno nipón, Yoshihide Suga, respondeu hoxe a quen acusaron ás autoridades de neglixencia á hora de prever esta traxedia e insistiu en que se fixo todo o que se podía dado o nivel tecnolóxico" que existe na actualidade para predicir unha erupción deste tipo.

Suga tamén negou taxativamente que a explosión volcánica vaia afectar á futura reapertura da central nuclear de Sendai, que a principios de mes recibiu luz verde do regulador nuclear nipón para retornar a operacións comerciais.

A planta, situada nunha zona da illa de Kyushu (suroeste) onde existen varios volcáns activos, converteuse na primeira de Xapón en cumprir a nova normativa de seguridade para desastres naturais imposta tras o accidente na central de Fukushima, provocado polo terremoto e tsunami do 11 de marzo de 2011.

O portavoz do Executivo subliñou que en ningún caso está previsto revisar a avaliación á que a comisión nuclear reguladora de Xapón someteu ás instalacións de Sendai polo sucedido no Monte Ontake.

O Ontake é o segundo maior volcán de Xapón, detrás do Monte Fuji (3.776 metros), e atópase entre as prefecturas de Gifu e Nagano.

A súa última gran erupción produciuse en 1979, cando expulsou unhas 200.000 toneladas de cinzas, mentres que en 1991 rexistrou outra erupción menor e en 2007 provocou unha serie de terremotos volcánicos.

Xapón está situado no anel de lume do Pacífico e conta no seu territorio con máis dun centenar de volcáns activos e inactivos.

Comentarios