Santos percorrerá toda a provincia para chegar aos militantes comarcais

O socialista, único candidato polo momento a liderar o partido en Lugo, quere crear unha nova dinámica de traballo que vaia "de abaixo cara arriba"
Álvaro Santos
photo_camera Álvaro Santos

O portavoz do goberno provincial de Lugo, Álvaro Santos, o único que ata agora anunciou a súa candidatura para ser o novo secretario provincial do PSdeG en Lugo, avanzou que a súa intención é crear unha "dinámica de traballo" no partido que vaia de "abaixo cara arriba", polo que anunciou a súa intención de instaurar encontros comarcais da militancia, polo menos unha vez ao ano.

"Os militantes coinciden en que é importantísimo que se celebre o congreso provincial e que se elixa a unha nova dirección, para que se poña a traballar" para marcar un rumbo político "forte", precisou, pero que tamén que "teña en conta" a opinión dos propios afiliados na toma de decisións.

"Pretendo unha dinámica de traballo na que o militante sexa un actor principal, que dispoña de moita información e que haxa fluidez na comunicación"

De feito, anunciou que, se finalmente resulta elixido como secretario provincial, "haberá escenarios claros de participación", cun "encontro comarcal de militantes" en todas as agrupacións polo menos "unha vez ao ano".

Encontros nos que se recollerán as inquietudes dos compañeiros, pero tamén se dará conta da xestión realizada" por parte da propia "dirección provincial do partido".

Eses encontros comarcais concluirán nun "encontro provincial, para que todos os militantes poidan compartir as súas experiencias e se chegue a unha conclusión" de todo ese traballo de consulta aos afiliados.

"Pretendo que a organización entre nunha dinámica de traballo que vaia de abaixo cara arriba, na que o militante sexa un actor principal, que dispoña de moita información e que haxa fluidez na comunicación", engadiu.

Nese sentido, subliñou que eses encontros comarcais teñen que ser "un revulsivo" para pór a funcionar ese novo sistema.

En canto ao proceso de primarias, dixo que se está atopando con "receptividade" cara ao seu proxecto e que descoñece se haberá ou non máis candidatos antes do venres, que é cando se pecha o prazo para presentarse.

Comentarios