A sanidade e o sofá

DEBEU SER A chegada das primeira chuvias, o fastío da programación televisiva e un problema técnico menor o que me levou a unha desas películas que se adoitan almacenar no seu estoxo orixinal agardando horas propicias para sentar a velas. O filme era neste caso un documental cuxo título resultaba profético: Invisibles. Realizado coa colaboración da ONG Médicos sen Fronteiras e dirixido por prestixiosos cineastas, reunía historias narradas con realismo cru por vítimas de conflitos en escenarios pertencentes a dúas grandes áreas do planeta (África e América Latina) onde o desenvolvemento e a violencia camiñan da man: Uganda, República Democrática do Congo, República Central Africana, Bolivia e Colombia. Os invisíbeis protagonistas duns relatos extremadamente dramáticos fórano tamén durante anos nos andeis da miña libraría. Por razóns case sempre difíciles de intuír, determinados libros ou películas corren unha sorte diversa nas nosas mans. Esquecidos unhas veces, extraviados outras, aparécensenos de súpeto como se estivesen obedecendo algunha chamada que só ás veces, andando o tempo, logramos comprender.

O documental que se agarrou con forza á miña curiosidade e tamén ao meu desacougo perseguía precisamente ese obxectivo: chamar a atención sobre a invisibilidade de determinados conflitos, e sobre o papel que están a desenvolver unhas ONGs necesitadas de financiamento. Coa miseria como pano de fondo, a película achéganos a dúas traxedias que está a vivir a poboación destes países, a guerra e a enfermidade endémica. A primeira, que se libra mentres os países desenvolvidos volven os ollos cara a outro lado, déixanos relatos estarrecedores que baten sen piedade na poboación civil máis indefensa. A segunda, un exercicio de hipocrisía que avergoña por igual gobernos e industrias farmacéuticas. Invisibles móstranos o drama de persoas afectadas por doenzas como o chagas ou a enfermidade do sono que para nós son apenas unha referencia vaga e afastada. Máis arrepiante aínda que os seus efectos é coñecer o desinterese por desenvolver e comercializar remedios debido aos escasos beneficios que, dado o perfil da poboación afectada, prometen. Desde a comodidade do noso sofá observamos unhas imaxes filmadas hai xa algúns anos -a obra é de 2007- que nos mostran unha atención médica dependente do voluntariado e sometida polo tanto aos vaivéns deste e ás estratexias comerciais dos laboratorios. A semellante testemuño asistimos -a realidade é de 2013- cunha sanidade pública en retroceso cuxas prestacións comezaron xa a sufrir a lei da tesoira. As medidas recentes que estenden o copagamento farmacéutico a novos produtos fan que o sofá non resulte xa tan cómodo, nin algúns relatos tan afastados, nin a chamada tan azarosa.

Comentarios