San Salvador de Asma agarda desde o ano 2015 pola declaración de BIC

O pleno de Chantada debaterá en setembro se se presenta unha proposta de compra para recuperar o monumento para uso público
El monasterio está pegado a la iglesia de San Salvador de Asma
photo_camera El monasterio está pegado a la iglesia de San Salvador de Asma

O convento de San Salvador de Asma, unha propiedade privada situada no municipio de Chantada, agarda desde o ano 2015 pola declaración de Ben de Interese Cultural (BIC).

A proposta eleváraa o equipo de goberno local á Xunta de Galicia, logo dun informe e unha petición conxunta que asinaran varios colectivos culturais na que alertaban do mal estado no que se atopaba a que foi unha das propiedades máis importantes de toda a comarca.

Desde o 2015, nin a Xunta deu resposta á petición municipal nin o propio goberno chantadés volveu sobre o tema nin exerceu presión para que avanzasen as xestións.

O conflito volve estar de actualidade porque nuns días o pleno municipal debaterá unha moción da formación Por Chantada Cup, na que se propón contactar cos propietarios do cenobio para negociar unha compra por parte do Concello.

A Cup tamén expón a necesidade de que se a administración local non ten capacidade para asumir a xestión e o investimento se lle inste o Goberno Central e á Xunta para que materialicen a adquisición.

A lista de peticións do partido inclúe instar á Administración autonómica para que cumpra coa declaración de BIC e ao Concello chantadés para que se preocupe máis e faga un seguimento do trámite.

Por Chantada expón ademais que a Valedora do Pobo faga a función de mediadora entre as institucións xa que se trata de evitar a deterioración dun ben patrimonial único.

EN VENDA. O complexo de San Salvador de Asma inclúe un mosteiro e unha igrexa. O templo é de uso parroquial pero a parte que antigamente tiña uso relixioso foi pasando por distintas mans privadas desde a desamortización de Mendizábal.

A proposta de compra deste monumento sempre estivo presente na actualidade chantadesa e foi un tema estudado por diferentes gobernos locais en distintos momentos.

Por Chantada volveu sobre o mesmo logo de transcender a través da rede social de Facebook a intención dos actuais propietarios de escoitar ofertas. Descoñécese se o anuncio se fixo por canles propias para a venda deste tipo de inmobles.

Comentarios