Saen de Grecia os primeiros refuxiados que acolle España

O primeiro grupo de 20 refuxiados sirios e iraquís que acolle España desde Grecia dentro do programa de recolocación europeo partiu este martes do aeroporto de Atenas con destino a Madrid, acompañados por outro grupo que será acollido en Portugal. O grupo, formado por 7 homes, 5 mulleres e 8 nenos, levaba en Grecia varios meses e serán repartidos por España. Dez serán levados a Cataluña, nove a Aragón e unha muller embarazada a Andalucía, aínda que eles non foron informados sobre o seu destino final.

Chegaron ao aeroporto cando aínda non amencera, acompañados por persoal da embaixada española en Atenas e funcionarios da Organización Internacional para as Migracións (OIM), encargados de levalos ata o aeroporto de Barajas, onde serán recollidos por organizacións non gobernamentais e comezarán as xestións para solicitar protección internacional en España. A maioría vivían en apartamentos e hoteis facilitados para solicitantes de asilo en Atenas, forman parte dunha minoría relativamente privilexiada posto que non pasaron a súa estancia en Grecia en campamentos militares, acampados na rúa ou en centros de detención.

Nafia Bedredín, pai de familia iraquí, tiña traballo na súa cidade pintando casas pero deixouno todo atrás para fuxir da guerra xunto á súa esposa e os seus catro fillos, dúas nenas e dous nenos, o máis pequeno de tan só 5 meses. Chegaron á illa de Leros hai catro meses e desde entón estiveron en Grecia, primeiro en Salónica e despois en Atenas, onde vivían nun apartamento cedido para solicitantes de protección internacional preto da central praza de Omonia, un dos puntos principais de reunión entre refuxiados e traficantes.

Aínda que a OIM organizou un seminario para informar o grupo sobre o país que os acollerá a partir deste mediodía, ningún deles sabía como é España nin, de momento, fala o idioma. "Sobre España non sei moito, só dicir ola, pero estou feliz de ir", contou a Efe sorrindo Bedrerín mentres esperaba no aeroporto para embarcar. No grupo non viaxan só familias, tamén tres homes e unha muller que van sós.

Trátase de Demia, unha cidadá iraquí cega, cuxa parella, Khalib, un alemán de procedencia árabe que vive en Berlín, pasou os tres meses que ela estivo en Grecia acompañándoa e intentando levala a Alemaña con el, algo que non puido conseguir. "Dixéronme que non podía ser, que non hai máis prazas en Alemaña, pero seguirei intentándoo", explicou Khalib a Efe.

Pacientes e nun ambiente moi tranquilo, o grupo chegou ao aeroporto con máis de tres horas de anticipación, seguindo as indicacións da OIM. Eles son os 20 primeiros refuxiados procedentes de Grecia que acolle España, dun total de 150 que se prevé viaxen antes de finais de xuño, como parte do programa europeo de recolocación de persoas que están no país heleno.

O próximo traslado será de 44 persoas e está previsto para o 30 de maio, ao que lle seguirá outro de 19 refuxiados o 1 de xuño. Os 67 restantes viaxarán a España antes de finais de xuño. Ata agora España só acollera a 18 refuxiados dos 16.000 aos que se comprometeu a dar asilo político entre 2016 e 2017, todos eles procedentes de Italia.

Ademais dos 150 refuxiados que recolocará desde Grecia, o Ministerio do Interior español prevé a acollida doutras 50 persoas desde Italia polo programa europeo de recolocación e 386 provintes de Líbano e Turquía polo programa comunitario de reasentamento.

En Grecia permanecen máis de 54.000 refuxiados e migrantes repartidos en centros gobernamentais e campamentos improvisados, como o de Idomeni, que comezou a ser desaloxado este martes.

Comentarios