Outeiro de Rei saca a contratación a ampliación da potabilizadora

O Concello resalta que se duplicará a capacidade de tratamento da planta. O orzamento da obra é de 420.000 euros, dos que a Deputación achegará 360.000

O Concello de Outeiro de Rei acaba de sacar a contratación, por un importe de 420.000 euros, a ampliación da potabilizadora (Etap). O alcalde, o popular José Pardo Lombao, destaca que a actuación permitirá duplicar a capacidade de tratamento da planta. 

Con estas obras, o goberno local pretende garantir a calidade e a subministración da auga se o concello, que acaba de superar a barreira dos 5.000 veciños, segue crecendo. Nese sentido, o rexedor fai fincapé en que, tras a mellora, a potabilizadora pasará de tratar 150 metros cúbicos de auga por hora a procesar 300, xusto o dobre. 

Para iso, segundo figura no proxecto, realizaranse unha nova captación e unha nova liña de tratamento de auga potable. "Nos próximos dez anos non haberá ningún problema co abastecemento", di Pardo sobre esta mellora, e recalca que era, ademais, necesaria porque agora no verán, "cos altos consumos", rexístrase xa algún problema.

Esta actuación acométese grazas ao apoio recibido da Deputación de Lugo coa popular Elena Candia de presidenta, xa que asinou un convenio polo que o ente achegará 360.000 euros ao proxecto, mentres que o Concello porá a cantidade restante.

O alcalde de Outeiro de Rei nin se expón que o bipartito provincial boicotee agora este procedemento xa en marcha, xa que, segundo recalca, coa firma do convenio xa se reservaba esa partida orzamentaria ao haber dispoñibilidade. "Non podo ter nin dúbidas. As administracións teñen que ser serias, sería moi grave que incumprisen compromisos. Nin se me pasa pola cabeza", gabia.

EN SEIS MESES. Nas bases de contratación estipúlase un prazo de seis meses para a execución das obras de ampliación da potabilizadora, construída no seu día con fondos do plan E. 

Pardo explica que xa se abriu o prazo para que as empresas interesadas nesta actuación revisen os pregos de contratación e presenten as súas ofertas, na propia casa consistorial. Se non hai contratempos, o goberno local espera adxudicar a obra este mesmo mes, polo que o alcalde estima que durante o primeiro semestre, "antes do verán", poderanse concluír estes traballos na Etap. 

Comentarios