Sabina critica de novo aos independentistas

O cantautor atribúe ao nacionalismo a culpa de "os maiores males que sufriu Europa"
Joaquín Sabina
photo_camera Joaquín Sabina

O cantautor español Joaquín Sabina mostrouse este luns contrario a quen buscan escindirse de España para formar unha patria "máis pequeniña" e recordou que "os maiores males que sufriu Europa foron por culpa do nacionalismo".

"Estou radicalmente en contra de alguén que queira facer unha patria mais pequeniña tendo unha tan grande", manifestou o artista de Úbeda en Quito (Ecuador).

Sabina, que ten previsto actuar o vindeiro mércores no país andino como parte da súa xira internacional Lo niego todo, compareceu este luns ante os medios nun coloquio no que non puido eludir as preguntas sobre a situación en Cataluña.

"Eu non son un político nin un opinador político. Son un cidadán que se preocupa polas cousas que pasan no meu país", defendeuse o cantante, tocado co tradicional chapeu ecuatoriano elaborado en palla toquilla.

Autor de éxitos como 19 días y 500 noches ou Pongamos que hablo de Madrid, Sabina argumentou que o conflito que se está producindo en Cataluña está a afectar ao tecido social da comunidade. "Isto non é como o están vendendo e lese na prensa estranxeira de que é Cataluña contra España, é Cataluña contra Cataluña", sinalou antes de mencionar que "hai familias que xa non se falan entre eles, hai amigos meus que xa non poden opinar publicamente porque queiran seguir sendo españois".

O cantautor español censurou aos dirixentes cataláns aos que acusou de que "dividiron pola metade Cataluña, co cal, creo que é o peor que pode facer un gobernante".

Logo de aclarar aos seus interlocutores que lle desculpasen se non estaba moi centrado como consecuencia da altura na que está situada a capital de Ecuador (2.850 metros) e chancear con que se recuperaría pronto como Messi, dixo desconfiar dos nacionalismos de toda índole, un dos grandes males que, ao seu xuízo, azoutaron Europa. "Eu creo que o século XXI é o século de borrar fronteiras en lugar de facer fronteiras novas. Eu creo que Europa, onde vivo, os maiores males que tivo foron por culpa do nacionalismo, as dúas guerras mundiais", á que sumou o conflito dos Balcáns. 

Comentarios