Rueda sinala que o PPdeG, ''sen ter un bo resultado, teno mellor que o PP''

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que o seu partido, "sen ter un bo resultado, teno mellor que o PP" no conxunto do Estado e avogou por recuperar a ilusión porque "non é suficiente con gañar as eleccións" nin con "mellorar os datos macroeconómicos".

Estas son algunhas das conclusións dun informe que o comité de dirección do partido que preside Alberto Núñez Feijóo analizará esta tarde na sede autonómica, segundo avanzou Rueda en declaracións aos xornalistas antes da reunión dese órgano.

Rueda recordou, en calquera caso, que o PP gañou as eleccións, co que os galegos e o conxunto de España seguen confiando maioritariamente neste partido, dixo, e incidiu en que a formación que dirixe Núñez Feijóo obtivo uns resultados 9 puntos mellores que o PP no conxunto do país.


Segundo estes datos, Rueda sostivo que Galicia segue sendo unha comunidade que confía no PPdeG e que "desconfía maioritariamente do PSdeG".

"O PSdeG constata un descenso importante sen ser a forza política de goberno en España nin en Galicia, así como tampouco na maioría de municipios e aínda así, o desgaste é maior", sinalou Rueda, que recordou que cuns resultados mellores que en Galicia o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, anunciou hoxe que non se presentará ás primarias do seu partido e convocou un congreso extraordinario.

Respecto das outras forzas políticas que obtiveron representación, dixo que AGE, que foi a "gran sorpresa" nas pasadas autonómicas "perdeu case a metade dos seus votantes", así como, na súa opinión, quen manifestaron o seu desencanto nesas eleccións votando a AGE "agora fano votando a Podemos".

En canto ao BNG, recordou que se sitúa como a quinta forza en votos en Galicia, nuns "niveis descoñecidos" para esa formación e partindo "dun chan baixo" nas pasadas europeas, polo que dixo que é "difícil entender a satisfacción de Vence".

Sobre o seu partido, insistiu en que captou a mensaxe de que non vale con mellorar os datos macroeconómicos, que non vale a xestión con boas cifras, senón que é preciso recuperar a ilusión.

"O noso electorado decidiu, quedándose en casa, darnos un toque de atención e o PP acusa recibo desta mensaxe: que nos temos que pór a traballar e recuperar a confianza. Non vale gañar eleccións, perdemos voto e desde a vitoria electoral é necesario facer estas reflexións", concluíu.

Recoñeceu que aínda que o PP galego contribuíu á vitoria no conxunto do país, tamén axudou ao descenso na porcentaxe de votos a pesar de ter un mellor resultado que a media nacional do partido.

En calquera caso, desligou o resultado electoral das políticas na Xunta e mostrou a súa convicción "persoal" de que nunhas autonómicas non se produciron estes resultados, aínda que iso non quere dicir que o seu partido non descendese, senón que o apoio ao PP "sería maior".

Rueda repetiu varias veces que é preciso "volver ilusionar" aos cidadáns, porque a perda de votos, a abstención, é unha mensaxe de que "hai que cambiar algunhas cousas".

Comentarios