Rueda considera que non hai razóns obxectivas para a folga

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou hoxe que non hai razóns obxectivas para a folga en sanidade galega convocada por sindicatos de clase e profesionais.

"Respectando sempre os dereitos de calquera traballador" a acudir á folga, as medidas que está a tomar a Xunta en sanidade e outras materias "están guiadas polo interese público" e por manter unha sanidade "pública, de calidade e sostible, non como noutras comunidades en que se pechan hospitais, ambulatorios...; aquí non se fai isto, senón todo o contrario", manifestou Rueda.

O vicepresidente do Goberno galego cifrou ao redor dun 20 por cento o seguimento da folga, e dixo que esta cifra revela "quen está de acordo e quen non" coas medidas da Xunta neste sector.

Na súa opinión, "non parece ter moito sentido o manifestado polos sindicatos convocantes, que din que non é unha folga por motivos laborais, senón de carácter preventivo", o que "explica ás claras que razoes moi obxectivas non parece habelas; agora, cada un pode facer o que estime oportuno", sinalou.

En todo caso, o vicepresidente apuntou que unha folga cun seguimento dun 20 por cento "explica quen está de acordo e quen non co que está a facer a Xunta de Galicia", concluíu.

Comentarios