Rubén Gasalla e Ángela Piñeiro gañan os Contos de Verán de El Progreso

Os relatos remitidos por Rubén Gasalla e Ángela Piñeiro Acción resultaron gañadores da primeira edición do certame Contos de Verán, organizada polo diario El Progreso coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

Un xurado encabezado polo escritor e presidente do Pen Club de Galicia, Luís González Tosar, e integrado polo subdirector de El Progreso, Tito Diéguez, e os xornalistas Santiago Jaureguizar e Marta Veiga acordou concederlle o primeiro galardón, dotado con 1.000 euros, ao conto titulado ‘Larralde’ e enviado dende Trabada por Rubén Gasalla.

Asemade, o texto ‘36 céntimos’, composto por Ángela Piñeiro Acción, de Lugo, foi elixido para o segundo premio, que consiste nunha gratificación de 500 euros.

González Tosar, como voceiro do xurado, destacou do conto de Rubén Gasalla que se trata dun texto «moi ben trabado», unha ficción «adscrita ao xénero negro» que conta cun final explosivo e «inesperado» e que amosa «unha axilidade narrativa interesante e próxima ao guión cinematográfico». Asemade, o presidente do Pen Club suliña a capacidade de Rubén Gasalla «para contar e para manter a atención nun xénero tan difícil para un escritor como é o do relato curto, que esixe un dominio da linguaxe que permita contar con poucas palabras».

Por outra banda, o relato de Rubén Gasalla foi remitido a El Progreso apenas unha hora e media antes de que rematase o prazo para presentar traballos e foi o derradeiro dos case medio centenar de textos en entrar a concurso.

Polo que respecta a ‘36 céntimos’, o segundo que máis gustou aos integrantes do xurado, Luís González Tosar destaca a capacidade para o diálogo da súa autora, Ángela Piñeiro Acción, ao tempo que louva a construción da personaxe principal, unha octoxenaria que corre maratóns. Non son infrecuentes as mulleres maiores na literatura galega, engade González Tosar, pero si resulta novidoso este rol protagonista.

O voceiro do xurado considera que a solución do relato é moi «enxeñosa», polo que ten de retranca, e apunta que Ángela Piñeiro acerta ao reflectir a Galicia multicultural da actualidade.

Luís González Tosar quixo tamén facer salientar o volume de participación nesta primeira edición do certame Contos de Verán posta en marcha por El Progreso, ao que chegaron medio cento de orixinais dende distintos puntos da provincia e de Galicia e tamén procedentes de Barcelona.

Entre os autores, desde mozas menores de idade, «que malia o feito de seren adolescentes amosan grande madureza narrativa e moitas lecturas nas súas costas», ata literatos afeccionados moito máis veteráns, que fixeron por vez primeira unha conta de correo electrónico para participar no concurso. Sobre este aspecto, e malia que a gran maioría dos textos concursantes foi remitida a un enderezo electrónico, tamén se recibiu algún relato mecanografado.

González Tosar quixo facer referencia á variedade de xéneros tan ampla que caracterizou o certame, con contos próximos ao noir ou policíaco, pero tamén contos fantásticos ou costumistas. «Sería unha boa iniciativa poder escolmar e publicar todo este material», finalizou o voceiro.

Comentarios