''A roupa incómoda é unha forma de masoquismo que non practico''

A lucense María Reimóndez, escritora, tradutora e cooperante, está volcada na causa feminista

1. ¿Qué o que máis e o que menos lle gusta do seu traballo?

O que máis me gusta do meu traballo de intérprete é a aprendizaxe constante e a relación con xentes moi diversas. O que menos, acudir a actos protocolarios.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Exactamente ao mesmo.

3. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

Ás persoas que xa non están

4. ¿A quen admira?

A calquera muller que se arrepón a un sistema que nos educa para a submisión.

5. ¿Que cita subscribiría?

A de Rebecca West: «Chámanme feminista cada vez que expreso calquera idea que me diferencia dun felpudo», e tamén un dito támil: «Unha man soa non fai música».

6. ¿Votou nas últimas eleccións?, ¿atrévese a dicir a quen?

Non votar paréceme sempre unha irresponsabilidade e, como muller e co traballo que custou conseguir o voto, pois aínda máis. No canto de dicir a quen votei, prefiro dicir a quen non votei nunca nin votarei: nin ao PP, nin ao PSOE nin a UPyD.

7. ¿Que coche ten?

Non teño coche, son activista do transporte público.

8. ¿Cal foi o antollo máis caro que mercou?

Unha cámara de fotos réflex.

9. ¿E o seu ben material máis prezado?

Unha almofada de viscolátex de viaxe que me regalou miña nai e grazas á cal deixei de ter tremendas contracturas.

10. Unha toleada que fixera por amor...

Non creo no amor ese polo que se fan supostas toleadas. O mellor sería desbotalo e comezar de novo a pensar nos afectos.

11. ¿Que libro ten na mesiña de noite?

Neste momento ando metida no ‘Fish-hair woman’, de Merlinda Bobis.

12. Non sae da casa sen...

Lavar os dentes e sen as chaves.

13. ¿Que pecados capitais desculpa?

Non creo nos pecados de ningún tipo.

14. ¿Que é o que nunca falta na súa neveira?

Queixo.

15. Pérdea un bo...

¡Chuletón!

16. Séntese cómoda vestida con...

Calquera cousa das que teño no armario. Vestir de xeito incómodo é unha forma de masoquismo que non practico.

17. Unha peza que deteste...

Calquera que estea feita con man de obra infantil, mediante a explotación de mulleres ou con contaminación extrema do medio. Dito doutro xeito, calquera peza do grupo Inditex ou de El Corte Inglés, por poñer dous casos máis que denunciados.

18. A paisaxe que máis a impresionou...

Os Ancares, porque aí están partes moi importantes da miña vida.

19. Un libro, unha película e un grupo musical.

A colección de poetas galegas e támiles Vanakkam-Benvidas, que tiven a fortuna de editar para Implicadas no Desenvolvemento; ‘Fire’, de Deepa Mehta, e de música quédome con Sés.

20. A súa materia pendente...

Aprender a editar videos.

«A POLÍTICA FACÉMOLA CADA DÍA»

1. ¿Como se viven, cando se funda unha ONG como Implicadas no Desenvolvemento, os escándalos de outras organizacións deste tipo?

Se hai ‘escándalos’ nalgunhas ONGs é porque non hai unha participación cidadá real nelas, porque a xente está contenta con dar uns cartos e ter a conciencia tranquila no canto de pensar nas cousas que realmente crean a pobreza e que teñen que ver cos nosos comportamentos cotiáns. A eso e a crear alianzas coas mulleres do sur dedicáse Implicadas.

2. Como feminista, ¿cando oíu a proposta de reforma de lei do aborto de Gallardón pensou que só se podía tratar dunha broma?

Para a dereita rancia española, co apoio dunha Igrexa retrógrada que aínda pensa que o seu espazo está no Goberno, o control dos corpos e da sexualidade das mulleres é un obxectivo fundamental.

3. ¿Cando deixarán de facer política a costa das mulleres?

Cando haxa conciencia de que a política facémola cada día e de que somos responsable do que facemos e de como nos relacionamos con quen temos ao lado.

Comentarios