Rosa Quintana tende a man ao diálogo e asegura que ''as presións non son boas para ninguén''

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, tendeu hoxe a man ao diálogo cos representantes da flota do cerco galego, que onte abandonaron unha reunión co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, por estar acompañado por ela, e alegou que "as presións non son boas para ninguén".

Quintana volverá convocar aos representantes do sector, en aras de intentar un acordo en canto ao deseño na xestión pois, engade: "Pouco máis podo facer", xa que contan, argumenta, cunha proposta desde Madrid para que presenten alegacións sobre o funcionamento do caladoiro cando se abra a veda.

Pola súa banda, os armadores do cerco decidiron en asemblea que retomarán o diálogo coa conselleira, pero só para viaxar a Madrid e abordar a problemática da repartición de cotas de xurelo e caballa con representantes do Ministerio de Agricultura.

A conselleira asegura, nunha entrevista na TVG, que no conflito da flota do cerco pola repartición de cotas de xurelo e caballa é aos seus representantes a quen corresponde chegar a acordos, e destaca que "Galicia non sae perdendo nesta repartición, todo o contrario".

A última hora da tarde de onte, España conseguiu unha cota de 40.473 toneladas de caballa tras a reunión de Estados Costeiros do Atlántico Noroeste, o que supón unha subida do 77 % respecto da cota inicial para este 2014.

O aumento na cota desta especie é unha forte demanda dos pescadores galegos, aos que a nova fixación do Total Admisible de Capturas (TAC) da caballa sitúa a cota para Galicia en 3.400 toneladas, avanzaron fontes da Consellería de Mar do Executivo galego.

Preguntada por se a Xunta está disposta a mediar ante o Ministerio para que se reabra o diálogo sobre o sistema de repartición, Quintana alega que foron os representantes do sector o que o acordaron e que hai unha norma desde fai máis de dez anos con estes criterios históricos e socioeconómicos.

"As normas de xogo son iguais para todos", engade Quintana, quen recorda que "non saímos tan ben en caballa" pero si en xurelo, polo que se se modifican os criterios, pregúntase se se quere entón prexudicar a esta última especie, principal en Galicia, para gañar uns quilos en caballa.

Segundo Quintana, a imaxe que se trasladou estes días do sector "non é boa", tras os incidentes protagonizados por algúns dos manifestantes en Compostela e anteriormente en Vigo, aínda que a protesta na Coruña transcorreu sen altercados.

Neste sentido, a responsable de Mar considerou bo que non estean previstas manifestacións estes días e "que a xente reactive a súa actividade, volva faenar e reine a calma".

A flota do cerco pediu o apoio de compradores e vendedores do porto da Coruña e Vigo e recibiuno, polo que esta noite non se espera actividade nas súas lonxas, e mañá catro dos seus representantes queren reunirse en Madrid cos líderes de PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, e UPyD, Rosa Díez.

Comentarios