Rosa García Piñeiro é a nova presidenta da fundación Alcoa

Esta entidade seguirá subvencionando accións de colectivos locais sen ánimo de lucro en favor da biodiversidade e o medio ambiente. A máxima preocupación dos traballadores en San Cibrao é a poxa eléctrica que se celebra este mes
Rosa García Piñeiro
photo_camera Rosa García Piñeiro

A sancibrense aínda que nativa de Vilalba Rosa García Piñeiro é desde este martes nova presidenta da fundación Alcoa, un cargo que compatibilizará co de vicepresidenta global de Sustentabilidade de Alcoa.

García Piñeiro xa formaba parte do consello de administración da Fundación Alcoa desde 2012 e agora encargarase da dirección global deste ente sen ánimo de lucro que se refundou este martes como parte da separación de Alcoa en dúas compañías, Alcoa Corporation e Arconic Inc. A tradicional Fundación Alcoa dividiu tamén os seus activos en dúas bases separadas, Fundación Alcoa e Fundación Arconic, e da primeira encargarase a alta directiva lucense.

"Alcoa Corporation opera cunha cultura baseada en fortes valores que traballa para minimizar o seu impacto ambiental mentres devolve resultados positivos para a sociedade", di Rosa García nun comunicado oficial divulgado este martes pola multinacional. A nova Fundación Alcoa continuará a senda de colaboración con asociacións sen ánimo de lucro das zonas nas que está implantada, como é o caso da Mariña, onde subvenciona un bo número de actuacións en beneficio da comunidade. As axudas centraranse en dúas áreas crave, "a prevención do cambio climático e a conservación da biodiversidade", indica.

A mariñá, que liderará os esforzos de sustentabilidade de Alcoa Corporation, apunta que a nivel global a Fundación "está disposta a apoiar os programas de investigación e iniciativas que preservan a biodiversidade, particularmente no que se refire ás actividades de extracción e refinación, e nos programas e investigacións destinados a mitigar o cambio climático".

De feito, a Fundación Alcoa anunciou un compromiso de 300.000 dólares coa oenegué WWF "como parte do seu renovado interese polo desenvolvemento sostible". Este programa abordará o impacto do cambio climático nas persoas e a biodiversidade en todo o mundo e os resultados desta iniciativa axudarán a WWF a desenvolver estratexias de conservación e materiais educativos.

TRAXECTORIA. Rosa García Piñeiro ten xa unha longa traxectoria en Alcoa, unha empresa na que ingresou en 1999 para traballar como enxeñeira ambiental na fábrica de San Cibrao. De 2001 a 2003 dirixiu a Auditoría Corporativa en Europa e despois foi directora de Medio Ambiente, Saúde e Seguridade do complexo mariñán. En 2012 foi nomeada directora de relacións institucionais e sustentabilidade a nivel europeo e no convulso 2014 polos problemas enerxéticos foi nomeada presidenta de Alcoa España, un cargo que ocupou ata setembro de 2015, cando foi nomeada directora global de Sustentabilidade.

Comentarios