Unhas 5.000 persoas xuntáronse este sábado na Peneda, en Monterroso, para participar na trixésimo terceira edición da Romaxe de Crentes Galegos, unha cita organizada polo colectivo Irimia que este ano tivo por lema ‘Se ti vises o que eu vin’.
Dende primeira hora da mañá foi constante a chegada de autobuses e turismos á área recreativa. Os organizadores desta cita, unha celebración festiva da fe cristiana e da galeguidade, agasallaron cunha degustación de queixo da Ulloa aos romeiros, chegados das catro provincias galegas.
Benvida do Concello
Entre o público congregado na Peneda estaba o alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, que agradeceu ao movemento Irimia que escollese a vila para esta celebración e aproveitou para recordar a importancia do Camiño de Santiago, en pleno ano santo, e para lembrar que este ano conmemórase o 500 aniversario doutra cita de gran raizame no municipio, a feira local.
Logo desta benvida, tivo lugar unha celebración da palabra que contou coa participación do grupo A Quenlla, habitual nesta cita lúdico-reivindicativa.
No transcurso desta cerimonia, dende o colectivo Irimia fíxose un especial fincapé na necesidade de preservar o idioma galego.
A estes actos seguíronlles ao mediodía as tradicionais merendas, amenizadas polo son das gaitas que fixeron soar algúns dos romeiros desprazados a Monterroso.
Tralo convite, houbo unha nova actuación da Quenlla e tamén da formación local de música e danza tradicional Falcatrueiros.
O último dos actos organizados ao abeiro da Romaxe de Crentes Galegos foi unha oración, ás seis e media da tarde, na igrexa parroquial de Monterroso.
Organización
Durante toda a xornada, un grupo dunhas 40 persoas -operarios do Concello e membros de de Protección Civil- colaboraron no evento. Entre outras tarefas, este dispositivo axudou a organizar o aparcamento dos centos de vehículos chegados á cita. A pesar da gran afluencia de xente, non se rexistraron incidencias.
Os asistentes á romaría gozaron dun día soleado, o que lles permitiu, ademais, facer uso das variadas alternativas de lecer que se ofrecen na área recreativa da Peneda.
Ao final da xornada, un dos voceiros de Irimia, Valentín Arias, felicitouse do «éxito de participación» na romaría. «Éstes son espazos de convivencia que hai que defender e protexer», salientou.
Ademais, destacou que o evento mestura con éxito a parte espiritual e crente coa reivindicación da galeguidade.