Roel di que as medidas baixo a ponte serán as do proxecto

Trabajos en el puente, que conserva la vieja zapata del lado derecho en dirección a la ciudad (Foto: José Mª Álvez)
photo_camera Trabajos en el puente, que conserva la vieja zapata del lado derecho en dirección a la ciudad (Foto: José Mª Álvez)

As obras de ampliación da ponte de Feve no barrio vivariense de Verxeles seguen dando que falar, nesta ocasión pola presunta negativa dun veciño a derrubar a parte da vella estrutura que queda no lado esquerdo do muro en dirección á cidade do Landro, sobre o que o aludido di non ter nada que ver. Algunhas fontes indican que este feito leva unha modificación no proxecto inicial e desde a empresa, Joca, non o aclaran, mentres que o alcalde, Melchor Roel, garante que se respectan as medidas previstas nese punto da estrada, que son 1,5 metros cada beirarrúa e 8 metros a calzada.

Sobre este asunto, na memoria do proxecto de obra consta que «se demolerá a estrutura da ponte», algo que para algúns non deixa lugar a dúbidas, porque «non se realizou a demolición total dá estrutura, segue íntegra unha zapata» debaixo da nova construción. Estas fontes, con coñecemento da memoria construtiva, falan dunha «alteración» no proxecto, pois cren que sen actuar nese muro non será posible manter as medidas das beirarrúas e a calzada.

Engaden que o martes pola noite varios técnicos colocaron sensores e intentaron facer as probas de carga á estrutura pero «non puideron porque nese lado está a zapata sen derrubar». Segundo este testemuño, esta situación prodúcese porque presuntamente o dono dos terreos desa marxe non deixa actuar, e a mesma fonte dubida que ese espazo sexa de propiedade privada. Este diario púxose en contacto co aludido e asegurou que non ten absolutamente nada que ver con esta polémica.

Pola súa banda Melchor Roel recorda que as medidas que constan no plan de construción serán reais. «Está a facerse segundo o proxecto e algo haberá que derrubar dese lado», e asegurou con rotundidade que «o proxecto vai conforme e se non se fixese así non se recepcionaría». Non quixo inmiscirse nesta polémica o xefe de obra: «Eu teño que facer un proxecto construtivo e é o que estou a facer», sinalou.

Comentarios