Rouba un bolso en Lugo tras ameazar á vítima cun obxecto punzante

Axentes da Policía Nacional detiveron este mércores a un mozo, ao que acusan de haberse levado o bolso dunha muller tras porlle no pescozo un obxecto punzante. Tamén este mércores, foron detidas dúas mulleres, por intentar levar o bolso da dependenta nunha tenda da cidade.

O domingo pola noite, unha moza que camiñaba tranquilamente pola rúa Camiño Real, foi asaltada por detrás por un home, quen, tras ameazala cun obxecto punzante  á altura do pescozo, agarroulle o bolso con forza. Os dous forcejearon, ata que finalmente rompeu a cadea do complemento e o delincuente saíu fuxindo.

A vítima presentou denuncia en comisaría e aos dous días o autor foi identificado, para ser detido na mañá do mércores. Foi posto a disposición xudicial este xoves. Trátase dun veciño da cidade de Lugo, de 28 anos de idade e con numerosos antecedentes policiais, ao que se lle imputa un delito de roubo con violencia e intimidación.

Tamén este mércores, pero ás oito da tarde, a Policía foi avisada de que dúas mulleres intentaran subtraer o bolso dunha empregada dun establecemento comercial. A dependenta informou de que dúas mulleres entraran na tenda e, mentres unha vixiaba, a outra collía o bolso, que se atopaba nun caixón, na parte interna do mostrador do local.

A traballadora decatouse do sucedido porque ouviu un ruído e chamou inmediatamente á Policía. Os axentes intentaron dialogar coas mulleres, pero estas negáronse a colaborar, polo que foron detidas e levadas a dependencias policiais. Foron identificadas como dúas cidadás búlgaras, de 48 e 30 anos, sen domicilio coñecido, que contan con antecedentes policiais en toda España, por feitos similares.

Comentarios