Ribadeo vive con elegancia a súa Festa Indiana

Os asistentes ao evento visten de branco inmaculado para celebrar unha festa temática baseada no fenómeno social migratorio

A cuarta edición do Ribadeo Indiano enche as rúas desta localidade dunha riada de xente vestida, en xeral, de branco inmaculado para celebrar unha festa temática baseada no fenómeno social migratorio. Este ano precisamente a organización, coa que corren tanto o Concello como a Asociación de Comerciantes (Acisa), fixeron especial fincapé en pousar a mirada na totalidade do fenómeno migratorio, na súa vertente dos que tiveron éxito, pero tamén da que os pasaron peor na súa viaxe a ultramar.

En todo caso, isto desenvólvese en charlas e conferencias como do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. Tivo lugar tamén un acto singular. Foi unha mesa redonda na que varios veciños de Ribadeo contaron as súas experiencias tanto persoais como familiares vinculadas ao mundo da emigración. Foi o toque máis ribadense enmarcado no apartado cultural do programa do Ribadeo Indiano.

Á marxe dos relatorios culturais tamén se fixo outra actividade de espírito parecido, pero xa enfocado cun toque máis lúdico. Son as visitas guiadas que se fan por rúas ou edificios emblemáticos de Ribadeo, todos eles de estilo indiano.

Non se fan só polo centro urbano, senón tamén por parroquias e, de feito, hai paradas especiais tanto en Rinlo como na Devesa.

Esta parroquia ribadense é precisamente a gran protagonista de xornada de mañá xa que nela vanse a desenvolver a maior parte das actividades do día, cunha comida comunitaria no Círculo Habaneiro, un edificio comunitario construído precisamente con diñeiro enviado desde A Habana por emigrantes desta parroquia, que tivo sempre unha gran cantidade de emigrantes entre a súa veciñanza.

Durante toda a fin de semana na rúa San Roque da vila, a que conta con maior número de edificios de estilo indiano, o denominado Mercadillo de Ultramar, no que se poden atopar produtos de todo tipo, a maioría vinculados ao tema que move esta festa.

Paralelamente, Ribadeo acolle multitude de actividades que van desde pasarrúas de grupos que fan música de diferentes zonas de suramérica ou o Caribe ata representacións teatrais, yincanas ou xogos infantís. Tamén se celebra unha nova edición do Festival de Habaneiras, xa definitivamente instalado no programa do Ribadeo Indiano. Nos restaurantes, ofrécense tamén menús especiais. Todo iso contribúe a crear un enorme fresco de actividades continuas que en todo caso serven de marco ao gran desfile de xente caracterizada polas rúas de Ribadeo.

Comentarios