Ribadeo toma con humor o engano do suposto representante da Casa Real

O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez, decidiu tomar con"humor" e "retranca" o feito de ser "enganado" por Francisco Nicolás Gómez Iglesias, detido en Madrid baixo a acusación de falsidade e usurpación de identidade, posto que este individuo se fixo pasar no municipio da costa de Lugo por un representante da Casa Real.

"Co modus operandi e o despregamento previamente montado, a ver a quen non lle pasaba isto", dixo o alcalde, quen explicou que, días antes da súa visita a Ribadeo, "chamaron, supostamente da Casa Real e Presidencia do Goberno para pedir escolta para esta personalidade".

Ante esa chamada, "dado que Ribadeo ten un tirón turístico incuestionable nos últimos anos e non é inusual ver a xente con certa traxectoria mediática", considerou "adecuado ir darlle a benvida a este personaxe da Casa Real, que ao final acabou sendo un impostor, como se está demostrando nestes últimos momentos".

"O certo é que, se eu non o fago así, que diría a xente no caso de que realmente fose alguén da Casa Real. Poderían dicir que o alcalde era un pouco estirado", engadiu.

O rexedor local afirmou que só se achegou a un restaurante da localidade para coñecer a ese "personaxe tan magnífico", saudouno, "deulle a benvida a Ribadeo" e deixou que seguise comendo en compañía dun empresario asturiano.

"Ribadeo recibe a tanta xente", dixo o alcalde, que "no medio de todas estas persoas algún indesexable tamén se coou".

Ao seu xuízo, hai que "tomalo con certa retranca e humor, porque ás veces pasan cousas anecdóticas, como é o caso".

Comentarios