Federico Ramón García Porta: "Esta festa serve para resaltar valores e manter lazos"

Ribadeo revive a súa herdanza indiana nunha festa que reúne miles de persoas

A vila ribadense quentou motores este venres cunha xornada marcada pola presenza do embaixador arxentino, que tratou con Estaleiros Gondán a construción de catro patrulleiras

A cuarta edición da Festa Indiana, que deu comezo o venres, serviu para que Ribadeo reivindicase o seu pasado emigrante nunha xornada onde se mesturaron actos institucionais e festivos. A primeira xornada desta festa reuniu a membros da corporación municipal, directivos de Acisa e ao embaixador de Arxentina en España, Federico Ramón García Porta, quen aproveitou a súa visita a Ribadeo para reforzar os vínculos económicos entre España e Arxentina cunha visita á empresa Estaleiros Gondán de Figueras.

Ás cinco da tarde a rúa Buenos Aires acolleu o redescubrimiento dunha placa doada polo Centro de Ribadeo na Habana e os seus distritos ao Concello de Ribadeo en 1934, e que foi recuperada para a ocasión. No acto tomaron a palabra o cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, quen recordou a emigración de familias enteiras de ribadenses "na procura de recursos" e destacou a acollida que tiveran os galegos durante nunha época de "precariedade material e democrática".

O embaixador arxentino, García Porta, destacou no seu discurso a alegría por estar "no berce da cultura á que debemos tanto" e resaltou a importancia de manter os vínculos "máis aló de cuestións mercantilistas" e indicou que galegos e arxentinos "somo unha mesma familia, unha cultura unida".

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, resaltou que a placa recuperada representaba "un país, Arxentina, que deu acollida a tanta xente que marchou" e indicou que o redescubrimiento da mesma era "unha reivindicación da memoria e do vínculo desa terra americana con Ribadeo".

TEATRO. Terminado o primeiro acto da xornada, a comitiva trasladouse ao Cine Teatro, onde se presentou o programa da presente edición. Alí volveron tomar a palabra o alcalde e o embaixador, que puxeron en valor a importancia do Ribadeo Indiano e o vínculo da vila con Arxentina respectivamente, antes de dar paso ao presidente de Acisa, David Martínez.

Martínez sinalou a consolidación do Ribadeo Indiano entre os veciños, así como o seu impulso á economía local, "nunha fin de semana onde Ribadeo se tinguirá de branco". O presidente de Acisa terminou o seu discurso animando aos presentes "a gozar da festa e recordar aos que partiron".

Co Ribadeo Indiano xa inaugurado oficialmente, a festa empezou cunha charla de Martín Fernández Vizoso.

Durante a visita a Ribadeo, o embaixador arxentino estivo acompañado tamén por unha delegación do seu país, quen aproveitou a súa estancia estreitar vínculos comerciais.

O agregado de Defensa arxentino, presente en Ribadeo, sinalou que o Goberno arxentino estaba en negociacións coa empresa Estaleiros Gondán, para a construción de catro novas patrulleiras de 90 metros de eslora.

Comentarios