Retoman a procura dos dous mariñeiros portugueses desaparecidos do 'Mar Nosso'

Salvamento Marítimo retomou esta tarde os labores de procura dos dous mariñeiros portugueses desaparecidos tras o naufraxio, o pasado xoves, do barco pesqueiro Mar Nosso a vinte millas da costa asturiana de Navia, e no que faleceron outros tres tripulantes lusos.

Fontes do organismo dependente do Ministerio de Fomento explicaron a Efe que o rastrexo, imposibilitado esta mañá pola néboa, retomouse sobre as 15.00 horas coa embarcación Salvamar Capella e o avión Sasemar 306, con base en Santiago de Compostela.

O barco, que tiña bandeira portuguesa e base en Marín, Pontevedra, afundiu o pasado xoves a unhas vinte millas da localidade asturiana de Navia e permanece afundido a unha profundidade duns 170 metros, polo que se descarta que os mergulladores realicen inmersións.

A Capitanía Marítima de Avilés iniciou onte a investigación para coñecer as causas deste naufraxio, do que sobreviviron sete dos seus doce tripulantes, e que se produciu nun día de mar en calma cando o Mar Nosso realizaba as súas últimas capturas da costeira de xarda.

Comentarios