Resolta a convocatoria 2020-2021 de fondosLeader do GDR-1 Terras de Miranda

PARTICIPACIÓN. á convocatoria optaron 22 proxectos, dos que finalmente pasaron a trámite 11 cunha contía en investimento de 3,6 millóns de euros
Unha das reunións celebradas polo GDR-1 Terras de Miranda
photo_camera Unha das reunións celebradas polo GDR-1 Terras de Miranda

OS PROXECTOS que optaban a esta convocatoria 2020-2021 do GDR-1 Terras de Miranda foron un total de 22, pasando a trámite 11 cunha contía en investimento de 3.618.584,43 euros. Nesta convocatoria cunha dotación orzamentaria de 187.695,33 euros subvencionarase un proxecto de Rehabilitación de edificio para uso residencial público. Establecemento para apartamentos turísticos en Mondoñedo, levando este a totalidade do orzamento.

As axudas a proxectos no territorio do GDR-1 Terras de Miranda desde o ano 2017 ascenderon a un importe de 2.086.877,51 euros repercutindo nun investimento no territorio de 6.365.149,47 euros.

O GDR executará varios proxectos de animación para o desenvolvemento da súa estratexia de crecemento local.

Entre eles encóntrase actualmente o Impulso do produto de turismo rural e da oferta turística de Terras de Miranda Turismo de Lugo. Dentro deste impulsarase o produto de turismo rural e as experiencias paquetizadas centradas no turismo rural. Baséase na calidade dos establecementos e da súa oferta, así como nos recursos naturais, patrimoniais e culturais do territorio. Terá dous formatos, para grupos e para visitantes que o fagan por conta propia. Elaborarase unha guía turística do territorio, ampla e detallada, na que se incluirá toda a información de interese de cada un dos concellos e realizaranse accións de promoción e comunicación do proxecto.

Ademais terase en conta o tecido asociativo do territorio buscando a participación e implicación daquelas entidades que axuden a unha mellor obtención de resultados. Os obxectivos do mesmo son crear experiencias paquetizadas de turismo rural atractivas e dirixidas a diferentes segmentos da demanda; fomentar o coñecemento sobre as potencialidades de Terras de Miranda Turismo de Lugo a través da elaboración dunha guía turística que aglutine a oferta global do destino; potenciar Terras de Miranda como destino seguro, saudable e de natureza; continuar coa comunicación ao mercado turístico dos atractivos do territorio para o fomento dun turismo sostible baseado na autenticidade e a calidade, e colaborar co sector primario e terciario, así como co resto de organismos e institucións, de cara ao desenvolvemento económico, social e cultural do territorio.

Realizarase tamén o Estudo dunha plataforma de comercialización para o comercio local e produtos agroalimentarios da comarca de A Mariña, identificando as pemes que formarán parte da plataforma. Recollerase información sobre aquelas actuacións de promoción e comercialización que se están a desenvolver actualmente no territorio, ben en conxunto ben de forma individual, estudiaranse as necesidades da plataforma segundo as características dos establecementos participantes para definir unha proposta de deseño da plataforma e realizarase un estudo das principais empresas de loxística e distribución para ofrecer aos usuarios as mellores condicións e garantir a súa viabilidade.

Os principais obxectivos consisten en facilitar a promoción e comercialización online dos produtos locais de A Mariña, darlle un impulso a este sector moi prexudicado co Covid-19, dotar as pemes ligadas ao rural dunha ferramenta para a xestión e comercialización dos seus produtos a través de internet, e deseñar unha proposta de plataforma moderna e adaptada ás necesidades actuais dos sectores implicados.