A residencia de Ribadeo estará equipada en dous meses tras un investimento de 280.000 euros

A Deputación sufraga a maioría dos custos e o Concello ultima o mellor método para xestionala e a solicitude á Xunta de Galicia do permiso de apertura
Suárez Barcia (segundo por la derecha), durante la firma
photo_camera Suárez Barcia (segundo por la derecha), durante la firma

O alcalde nacionalista ribadense, Fernando Suárez Barcia, avanza no reto máis importante do seu mandato, como el mesmo manifestou nalgunha ocasión, que non é outro que o da apertura dunha residencia de anciáns que será compatible co hospital asilo da localidade. O concelleiro asinou este martes pola tarde senllos contratos coas dúas empresas que equiparán o centro, no prazo aproximado de dous meses, por un montante total de 278.000 euros.

"Despois dun longo proceso de presentación de ofertas, de selección, de confirmar as garantías necesarias, asinamos os contratos", apostilou o rexedor ribadense.

Deste xeito, a empresa coruñesa Lóxica percibe 203.000 euros para dotar ao centro de camas -tamén articuladas-, mesas, cortinaxes e, en xeral, o mobiliario do recinto. Por outra banda, a firma Alarsa, con base en Madrid, recibe 75.000 euros para instalar, entre outros, a cociña, os electrodomésticos e o servizo de lavandería. Estes equipos, como destacou o rexedor, "contan con moitos avances e con facilidades ergonómicas, tanto para os traballadores como para os usuarios, ademais de cunha capacidade sobrada para as persoas que traballen e que vivan alí".

Serán máis de 40 prazas as que se oferten no xeriátrico e polo que respecta ao tipo de xestión e contratación do persoal aínda se está elaborando unha auditoría para elixir a mellor fórmula.

Suárez recordou que a Deputación de Lugo é a entidade que máis achegou e que financia a práctica totalidade do investimento. "Aínda que non foi así co resto das administracións, a Deputación sempre estivo moi achegada aos problemas e necesidades de Ribadeo e ás reivindicacións que desde o Concello lle fixemos, sempre contando coa participación de todos os grupos políticos, aínda que neste mandato o PP non quixo estar nesta loita colectiva".

O seguinte paso será solicitar á Xunta permiso para abrila.

Comentarios