A residencia de Melide contará en setembro con 14 novas prazas

A capacidade do centro aumentará progresivamente ata alcanzar as 49 prazas
El gerente del Consorcio y la alcaldesa, en las instalaciones
photo_camera El gerente del Consorcio y la alcaldesa, en las instalaciones

A residencia para maiores de Melide, que actualmente conta con 16 prazas, pasará en setembro a ter capacidade para 14 persoas máis. Así o seguraron o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e a alcaldesa da localidade, Dalia García. Ambos anunciaron que o incremento sería "gradual" e que este chegará ao seu tope ao alcanzar os 33 novos postos en datas próximas. 

Logo de percorrer as instalacións, Dalia García e Perfecto Rodríguez confirmaron a posta en marcha de melloras na residencia. Estas medidas, incluídas nas operacións de ampliación do centro, estarán financiadas pola Consellería de Política Social, a través do Consorcio. O investimento total no proxecto, uns 325.000 euros, servirá para aumentar de xeito considerable os servizos para a terceira idade que se ofrecen na localidade. 

A primeira fase afectará o aforamento máximo, que se verá incrementado en 14 prazas. Segundo aseguraron a alcaldesa e o xerente, esta terminará en setembro. Máis adiante seguirase aumentado, ata alcanzar os 33 novos postos. En total, a residencia poderá dar cabida ata a 49 persoas. Estas prazas complementarán as 39 do centro de día e as 24 de vivenda comunitaria que xa estaban dispoñibles nas instalacións. 

CRÍTICAS. Por outra banda, a xestión do goberno de Dalia García foi criticada desde o PSOE. O portavoz dos socialistas, José Antonio Prado, reprochou ao Concello que non se estean cumprindo as tarefas de prevención de incendios forestais. 

Nun comunicado, Prado acordouse dun bando municipal publicado en maio que obrigaba aos veciños a manter as súas leiras libres de maleza, ameazando con varias sancións. Agora, os socialistas acusan o goberno local de non realizar ningunha comprobación dos incumprimentos e de "ser incapaz de planificar e adoptar iniciativas". "Unha vez máis, a realidade demostra que Melide ten un goberno en parálise, incapaz de xestionar as necesidades máis urxentes do pobo", sinalou José Antonio Prado. 

O PSOE avanzou que presentará no pleno da próxima semana unha iniciativa para instar o Concello a actuar, alegando que "non se debe pubicar bandos co obxectivo de figurar".

Comentarios