Repsol non poderá abrir máis gasolineiras en Lugo

Repsol non poderá incrementar o número de estacións de servizo durante un ano en 33 provincias, entre elas as catro galegas, ao superar a cota de mercado do 30%, o limiar fixado para limitar este crecemento empresarial na nova normativa sobre competencia no sector de hidrocarburos aprobada polo Goberno en 2013.

No caso de Cepsa, as limitacións ao seu crecemento quedan só restrinxidas para os territorios de Ceuta e Melilla, mentres que Disa terá limitada a expansión nas Palmas, Santa Cruz de Tenerife, Ceuta e Melilla.

As provincias nas que Repsol non poderá crecer son Albacete, Alacante, Asturias, Ávila, Baleares, Barcelona, Burgos, Cáceres, Cantabria, Cidade Real, Córdoba, A Coruña, Xirona, Guadalaxara, Guipúzcoa, Huesca, León, Lugo, Madrid, Málaga, Murcia, Ourense e Palencia. Tampouco poderá sumar novas estacións de servizo en Pontevedra, A Rioxa, Salamanca, Segovia, Soria, Tarragona, Valladolid, Biscaia, Zamora e Zaragoza, segundo consta nunha resolución da Dirección General de Política Energética y Minas publicada este mércores no BOE.

A resolución publícase para cumprir o establecido pola disposición transitoria quinta da Lei 11/2013 acerca da posición de mercado dos operadores por xunto e os contratos en exclusiva subscritos con empresarios independentes.

Esta norma establece que os operadores cunha cota de mercado superior ao 30% non poderán incrementar o número de instalacións en réxime de propiedade ou en virtude de calquera outro título que lles confira a xestión directa ou indirecta da instalación.

Tampouco poderán subscribir novos contratos de distribución en exclusiva con distribuidores polo miúdo que se dediquen á explotación da instalación para a subministración de combustibles e carburantes a vehículos, con independencia de quen ostente a titularidade ou dereito real sobre a mesma.

Comentarios