Renfe pon á venda este venres unha nova serie de billetes AVE a 25 euros

Cando foi lanzada a mesma oferta no mes de xullo os tickets esgotáronse en media hora

Renfe volve pór á venda este venres ás 00.00 horas unha nova quenda de 25.000 billetes promocionais a 25 euros que a compañía vén lanzando o día 25 de cada mes para conmemorar o 25 aniversario da posta en marcha do primeiro servizo de Alta Velocidade.

Na oferta deste 25 de agosto poderán comprarse billetes para viaxar a calquera destino da rede AVE e Longa Distancia entre o 4 de setembro e o 30 de novembro en www.renfe.com, despachos de billetes, venda telefónica e axencias de viaxes.

Trátase da quinta serie de billetes a 25 euros que Renfe pon á venda no marco da campaña do seu 25º aniversario. Os billetes poderán adquirirse a partir das 00.00 horas deste venres.

Unha vez se esgote a promoción e se vendan os 25.000 primeiros billetes pecharase a campaña ata o mes de setembro. No entanto, os clientes poderán seguir beneficiándose de descontos de ata o 70% adquirindo as ofertas habituais de prezos Promo ou 4Mesa.

ANCHO DE BANDA DUPLICADA E BLOQUEO DE IPS INTRUSIVAS. O pasado mes de xullo, na anterior venda promocional, Renfe adiantou a campaña ao día 9 e reforzou a oferta con 10.000 billetes en oferta extra para facilitar a segunda operación saída do verán. En apenas pouco máis de media hora, entre as 00.00 e as 00.32 horas, a compañía vendeu todos os 35.000 billetes ofertados.


A compañía asegurou nun comunicado que está a realizar melloras no seu sistema como a duplicación  do ancho de banda de Internet para facilitar a venda e para que a navegación sexa máis áxil e fluída, a ampliación dos servidores de procesos da operación de venda e o bloqueo certas IPs intrusivas, ademais de reforzar as canles de información e atención ao cliente.

Ademais, en base á experiencia dos usuarios en meses anteriores, Renfe lanzou unha serie de recomendacións aos clientes no seu blogue oficial (blog.renfe.com), como estar previamente rexistrado na web, ter decidido con antelación o destino e as datas de viaxe desexados ou borrar o caché de navegación entre consultas ou intentos de compra.

Comentarios