Rexistran as oficinas centrais do grupo Vendex en Madrid

Axentes de Vixilancia Aduaneira rexistraron as oficinas centrais do grupo Vendex en Madrid e copiaron os datos e arquivos que contiñan os equipos informáticos de tres persoas investigadas no marco da Operación Pokemon, entre eles os do computador do dono da empresa, Gervasio Rolando Rodríguez Acosta.

Así se desprende dun auto ao que Efe tivo acceso, asinado pola titular do Xulgado de Instrución número un de Lugo, Pilar de Lara, o pasado 12 de maio, para levantar o segredo que pesaba sobre esa dilixencia, o rexistro das oficinas centrais de Vendex.

Nese auto confírmase que o envorcado da información que contiñan "os servidores, redes e equipos informáticos" utilizados polas tres persoas investigadas foi realizado o pasado 7 de maio.

Gervasio Rolando Rodríguez Acosta foi un dos primeiros detidos na Operación Pokemon, que investiga a existencia dunha suposta trama para obter contratos e concesións públicas de forma fraudulenta, mediante subornos a responsables políticos e cargos en institucións.

A Operación Pokemon púxose en marcha coa fin de investigar a existencia dunha suposta trama para obter contratos e concesións públicas en distintas administracións galegas, adxudicacións que principalmente ían dirixidas ao Grupo Vendex.

As pescudas chegaron tamén a Asturias e a Cataluña.

Comentarios