Rexeitan o recurso de EU ao procedemento para aprobar o aforamento

A Mesa da Comisión de Xustiza do Congreso rexeitou o recurso presentado por EU contra a forma e o fondo do procedemento establecido para tramitar o aforamento urxente do Rei Juan Carlos I. O recurso da Esquerda Plural cuestionaba o acortamento dos prazos para que o aforamento poida ser aprobado en tres días, pero tamén pedía reconsiderar a admisión a trámite das emendas do PP por non ter nada que ver co contido do proxecto lexislativo emendado.

As emendas foron incluídas no proxecto de lei orgánica complementaria da lei de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa pola que se modifica a Lei Orgánica do Poder Xudicial.

O presidente da Comisión, Alfredo Prada, explicou a Efe que os membros do PP na Mesa, tras escoitar aos servizos xurídicos, votaron en contra do recurso de EU, que contou co respaldo do PSOE, contrario á tramitación.

Prada expuxo que o acortamento dos prazos non supón ningunha vulneración do Regulamento, que o prevé no artigo 69, de modo que se cumprirán "escrupulosamente" as normas de funcionamento da Cámara.

En canto á cuestión de fondo, Prada defendeu a "coherencia absoluta" de incluír as emendas nunha lei que reforma a Lei Orgánica do Poder Xudicial.

De feito, dixo, formacións como CIU, UPyD ou ERC presentaron emendas relacionadas co aforamento do Rei Juan Carlos.

O presidente da Comisión de Xustiza subliñou a "absoluta transparencia" do proceso, no que en ningún caso se furtou o debate.

Comentarios